Olimpia López coordina cos concellos de Lugo, Terra Chá e Meira a seguridade durante o eclipse de agosto

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu esta mañá unha xunta de seguridade para poñer en común cos concellos das comarcas de Lugo, Terra Chá e Meira as necesidades organizativas e de seguridade civil de cara á eclipse do 12 de agosto.
Na xuntanza, que se celebrou na Aula de Formación da Dirección Provincial do INSS en Lugo, a subdelegada sinalou que “o centro da provincia inclúe a capital, parte do Camiño do Norte e as comarcas da Terra Chá e Meira, que aglutinan no seu conxunto a unha parte importante da poboación da provincia”. Por iso, puxo o acento en que “a coordinación entre forzas e corpos de seguridade das distintas administracións é de vital importancia no transcurso do fenómeno astronómico”.
Nesta liña, a subdelegada e a secretaria xeral da Subdelegación do Goberno, Elvira Paloma Fernández, instaron os alcaldes a “definir con tempo os puntos de observación da eclipse prevista para o 12 de agosto e organizar os accesos para garantir a seguridade da cidadanía”.
Na reunión participaron representantes dos concellos de Lugo, Rábade, Meira, A Ribeira de Piquín, Muras, Xermade, Vilalba, Guitiriz, Abadín e Pastoriza.
Ao encontro asistiron tamén responsables das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, co fin de reforzar a coordinación institucional necesaria para organizar os dispositivos de seguridade, mobilidade e emerxencias e de informar sobre o mellor xeito de publicitalo para evitar aglomeracións que poidan xerar incidencias. “Nas tres comarcas do centro da provincia, a poboación está diseminada e os espazos son máis abertos, polo que é posible que se facilite a organización dos aparcamentos e a visibilidade da eclipse”, engadiu a subdelegada.
Durante a xuntanza, Olimpia López lembrou que “a provincia de Lugo será un dos territorios privilexiados para a observación da eclipse e se prevé unha elevada afluencia de visitantes, polo que resulta fundamental anticipar a planificación e coordinar os recursos das distintas administracións”.
“Estamos ante un acontecemento excepcional que require planificación, colaboración e coordinación para garantir a seguridade e que a cidadanía poida desfrutar desta experiencia en condicións axeitadas”, insistiu a subdelegada.
Coordinación cos concellos
Un dos aspectos centrais abordados na reunión foi a necesidade de reforzar a coordinación cos concellos, como administracións máis próximas ao territorio e que mellor coñecen os espazos, accesos e posibles puntos de concentración de persoas.
Neste sentido, a Subdelegación do Goberno solicitou aos municipios a identificación de puntos de observación preferentes, que deberán contar con boas condicións de visibilidade e capacidade suficiente para acoller a afluencia prevista. Ademais, "os concellos poden establecer puntos de exclusión en zonas de risco, desde as que observar a eclipse poida poñer en perigo á cidadanía".
A definición destes espazos permitirá planificar con antelación os dispositivos de seguridade, regular o tráfico e reforzar os servizos de emerxencias nos lugares nos que se agarde unha maior concentración de persoas.