Olimpia López entrega en Xermade a Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero

Olimpia López, subdelegada do Goberno en Lugo, visitou hoxe o Concello de Xermade para facer entrega da Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero (MAVI), unha iniciativa impulsada pola Subdelegación do Goberno para fomentar a igualdade e a prevención da violencia machista a través da lectura.
Acompañada por Rosa María Rivas, xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Lugo, López destacou a importancia de facilitar á cidadanía o acceso a materiais que permitan reflexionar sobre as desigualdades entre mulleres e homes. «A lectura é unha ferramenta para cuestionar os estereotipos de xénero, identificar comportamentos discriminatorios e contribuír á prevención da violencia machista», sinalou.
A subdelegada agradeceu a colaboración do Concello de Xermade e incidiu na importancia de achegar estes recursos aos municipios do rural. «A prevención da violencia de xénero require tamén educación e sensibilización. Con esta iniciativa queremos que os libros cheguen a persoas de todas as idades e favorezan a reflexión individual e colectiva», explicou.
O proxecto MAVI comezou a súa actividade en 2022 nos concellos de Viveiro e Sarria. Desde entón, as maletas percorreron varios municipios da provincia, así como os centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. Cada unha contén doce libros de diferentes formatos e temáticas, fichas de lectura e un diario no que os participantes poden recoller as súas impresións.
A maleta permanecerá tres meses en Xermade, onde poderá utilizarse tanto para a lectura individual como para actividades en grupo, antes de continuar o seu percorrido por outros concellos da provincia.
Catálogo de libros
A maleta inclúe doce obras dirixidas a varias idades. Para o público infantil e xuvenil, incorpora La diadema de Jan, de Ana Córdoba e Anabel Espinosa, e Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes, de Elena Favilli e Francesca Cavallo.
O catálogo para adultos está formado por As miñas fillas devolvéronme a vida, de Inés Fernández Lamela; Los hombres me explican cosas, de Rebecca Solnit; El libro de la hija, de Inma López Silva; Infamia, de Ledicia Costas; La primera estrella de la noche, de Nadia Ghulam e Javier Diéguez; El lunes nos querrán, de Najat El Hachmi; Tierra de mujeres. Una mirada íntima y familiar al mundo rural, de María Sánchez; Si es amor, no duele, de Pamela Palenciano e Iván Larreynaga; Invisibles. Relatos del maltrato, de Montse Fajardo; e El color púrpura, de Alice Walker.