Olimpia López preside en Vilalba a Xunta de Seguridade para coordinar o dispositivo policial do FIV

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu hoxe en Vilalba, xunto á alcaldesa, Marta Rouco, a Xunta Local de Seguridade convocada co obxectivo de coordinar o dispositivo especial do FIV 2026, un dos eventos musicais que abre a temporada de festivais en Galicia.
Durante a reunión analizouse o operativo previsto para garantir o correcto desenvolvemento do festival, que contará coa participación e coordinación da Garda Civil, o subsector de Tráfico, a Policía Autonómica, a Policía Local e o Parque de Bombeiros de Vilalba. O dispositivo incluirá medidas de prevención, control de accesos, regulación do tráfico e reforzo da vixilancia nos principais espazos de concentración de público, co fin de asegurar que o evento se desenvolva con normalidade e sen incidencias.
Na xuntanza tamén se abordou a situación da seguridade no concello, cunha diminución dos delitos leves rexistrados ou a redución de determinadas tipoloxías delituosas, así como o importante grao de esclarecemento dos feitos denunciados, que evidencia a eficacia do traballo policial.
Ademais, a subdelegada salientou o compromiso do Goberno coa prevención e a sensibilización a través dos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade. En concreto, destacou o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos, que continúa ampliando a súa actividade en Vilalba con novas charlas solicitadas polos propios centros para o presente curso.
Así mesmo, tamén se deu conta das actuacións enmarcadas no Plan Maior de Seguridade, dirixido á protección das persoas maiores, co obxectivo de previr situacións de risco e mellorar a súa seguridade.
Olimpia López puxo en valor a cooperación entre administracións e o traballo coordinado das forzas e corpos de seguridade como elementos clave para garantir tanto a seguridade dos grandes eventos como a tranquilidade no día a día da cidadanía.