Olimpia López recibe aos novos funcionarios de prácticas nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso

LugoXa | TerraChaXa
Tres dos 18 realizan funcións nas oficinas e o resto no Servizo Interior de Vixilancia
funcionarios-de-prisiones-en-practicas
14 Jul 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, deulle a benvida hoxe aos funcionarios en prácticas destinados por Institucións Penitenciarias aos centros de Bonxe e Monterroso, aos que recibiu esta mañá na Subdelegación do Goberno. Xunto cos directores, José Manuel Pernás e Félix Rodríguez, a subdelegada valorou positivamente a súa incorporación “por unha parte, para ampliar e contribuír á capacitación profesional das persoas en prácticas, e por outra, polo reforzo da plantilla, que redunda nunha mellor atención ás persoas internas e á súa reinserción na sociedade”.

Tras felicitalos por superar a súa formación inicial, Olimpia López desexoulles moitos éxitos e “satisfaccións profesionais e persoais” como empregados públicos, pedíndolles tamén “compromiso e profesionalidade no relativo á reeducación da poboación reclusa, un dos principios básicos das Institucións Penitenciarias”.

A subdelegada precisou que os novos funcionarios forman parte das convocatorias de emprego público de 2025, incorporándose tras finalizar un curso selectivo onde adquiriron as competencias técnicas necesarias para unha integración profesional progresiva. Nos próximos meses, está previsto que os funcionarios en prácticas completen a primeira fase de teoría e perfeccionamento, para logo someterse a un exame de capacitación e, si o superan, continuar o seu período de prácticas na provincia.

Das 18 persoas, de entre 24 e 54 anos de idade, tres realizan funcións nas oficinas e o resto no Servizo Interior de Vixilancia de Institucións Penitenciarias.

A subdelegada aproveitou a cita para agradecer o esforzo de todo o persoal dos centros penitenciarios de Lugo por seguir avanzando na tarefa de reinserción dos internos e das internas, traballando na educación e formación destas persoas e a súa plena inclusión na sociedade.

0.12276315689087