Operación Triunfo 2018: principais polémicas

TerraChaXa
Por Lucía Otero Gato O pasado 20 de decembro celebrouse a Gala Final de Operación Triunfo 2018, o concurso musical por excelencia da televisión en España.
Lucía Otero Gato
18 Xan 2019

Por Lucía Otero Gato

pasado 20 de decembro celebrouse a Gala Final de Operación Triunfo 2018, o concurso musical por excelencia da televisión en España. O programa tivo este ano un merecido gañador: Famous, o concursante residente en Bormujos (Sevilla) natural de Nixeria alzouse coa vitoria no último momento, demostrando deste modo que os soños ás veces cúmprense. Os españois máis rancios teranse que conformar, gústelles ou non. Non obstante, deixando a un lado o xusto triunfo de Famous, esta edición do talent estivo tinxida de múltiples polémicas; repasemos a continuación, de forma sucinta, as máis importantes.

Sen dúbida, o maior escándalo que salpicou ao talent foi o despido repentino e absurdo da profesora de interpretación, a actriz Itziar Castro. Así pois, o 29 de outubro —na metade do concurso— saltou á prensa a noticia de que Gestmusic, produtora de Operación Triunfo, decidía prescindir dos servizos de Itziar Castro por “non cumprir cos obxectivos”. A actriz asegura que a resolución de relevala do seu cargo foi tomada de xeito unilateral polo programa, e sen previo aviso. Polo tanto, os feitos apuntan a que Castro tivo que pagar os pratos rotos debido ao menor éxito que este ano acadou o espazo televisivo —en relación coa edición anterior—. Totalmente lamentable. Pero a cousa non acaba aquí. Por se todo isto fora pouco, o talent quixo curarse en saúde e non mostrou publicamente a reacción que tiveron os concursantes cando se lles comunicou o despido da súa profesora (a nova déuselles fóra das cámaras). Está claro que os altos cargos temían que algún dos aspirantes montara un “drama” ao coñecer a noticia, polo que decidiron recorrer á censura.

Operación Triunfo fixo fronte a outras moitas polémicas ao longo dos seus 3 meses de duración. Unha destas controversias estivo protagonizada pola concursante María Villar. A ela na Gala 4 tocoulle interpretar, xunto con Miki Nunyez, a canción “Quédate en Madrid”, de Mecano. Ata aquí todo ben. O problema xurdiu ao ler a letra e descubrir que nunha estrofa aparecía a palabra “mariconez”. Inmediatamente, María pediu que se cambiara esa palabra, xa que consideraba que era un vocábulo moi homófobo, e que ela negábase a dicilo na gala. Isto provocou un gran debate entre os que estaban de acordo con Villar e os que non. Por outra parte, José María Cano, autor da canción, non deu o consentimento para que se modificara a canción, dado que, segundo el, o tema non fora composto cunha intención homófoba; esta decisión foi ratificada por Ana Torroja, recibindo así un aluvión de críticas. O altercado saldouse con María como favorita da gala, evidenciando que a España reaccionaria atópase —quizais— en lixeiro retroceso.

Unha das polémicas recentes ten que ver con Eurovisión 2019. RTVE anunciou fai meses que o representante de España no próximo Festival da Canción sairía de Operación Triunfo, e que absolutamente todos os concursantes terían a posibilidade de participar no proceso de preselección, algo que finalmente non se cumpriu. As altas esferas excluíron, sen dar ningún tipo de explicación, a tres dos concursantes: Alfonso, África e Dave. Chafallada supina! A esta neglixencia na preselección hai que engadirlle a desgana e apatía dos candidatos ante a idea de acudir ao certame eurovisivo, que terá lugar en Israel o 18 de maio. Soamente Famous e Noelia parecen ter interese en asistir ao evento —aínda que, sendo sinceros, as cancións que lles asignaron non resultan, a priori, as máis idóneas para tal festival—. Veremos a ver en que queda a cousa.

0.23651313781738