Organizan desde Cospeito unha ruta polas Fragas do Eume con saída en bus e xantar incluído

As asociacións veciñais de Vilapene, O Cruceiro de San Pedro de Seixas e San Martiño de Pino organizan para o vindeiro domingo 7 de xuño unha excursión polas Fragas do Eume, unha das paraxes naturais máis coñecidas de Galicia.
A actividade inclúe a realización da ruta dos Encomendeiros, un percorrido de aproximadamente 11 quilómetros entre ida e volta, cunha duración estimada de tres horas e dificultade baixa-media. A organización tamén ofrece a posibilidade de acurtar a camiñada regresando antes de chegar ao mosteiro de Caaveiro.
A viaxe realizarase en autobús, con saída ás 8.30 horas desde os puntos habituais, e inclúe ademais xantar na parrillada O Pedrexal, en Miño, antes do regreso.
O prezo da actividade será de 45 euros para as persoas socias e de 50 euros para as non socias. As inscricións poderán formalizarse ata o 30 de maio a través de calquera membro das directivas das tres asociacións organizadoras. A organización advirte de que será necesario contar cun mínimo de 20 persoas inscritas para que a excursión poida levarse a cabo.