Organizan nas Pontes dúas charlas sobre o proxecto das instalacións da Rede de Transporte de Enerxía Maciñeira-Naraío

TerraChaXa | FerrolXa
A primeira das reunións terá lugar hoxe, xoves 1 de outubro, ás 19.00 horas, na Asociación Veciñal de Painceiras, en Ribadeume, mentres que a segunda celebrarase o martes, ás 19.00 horas, na Asociación Veciñal de Saa
Liña-de-alta-tension-torreta-electrica
1 Oct 2026

O Concello das Pontes organiza dúas charlas informativas para explicar á veciñanza o proxecto das instalacións da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica «Eixe Maciñeira-Naraío» e, especialmente, a súa incidencia no termo municipal das Pontes.

A primeira das reunións terá lugar hoxe, xoves 1 de outubro, ás 19.00 horas, na Asociación Veciñal de Painceiras, en Ribadeume, mentres que a segunda celebrarase o martes, ás 19.00 horas, na Asociación Veciñal de Saa.

As sesións permitirán coñecer o alcance do proxecto e as catro infraestruturas que o integran, así como os trazados previstos e a súa incidencia no territorio. A explicación centrarase especialmente nas actuacións que afectan ao termo municipal das Pontes, con atención ás áreas de Ribadeume, Maciñeira, As Gañidoiras e Espiñaredo, entre outras.

Tamén se abordará a posible afección sobre parcelas e propiedades. O expediente incorpora unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados, que permitirá ás persoas propietarias comprobar se os seus terreos están incluídos no ámbito das actuacións e coñecer os trámites previstos no período de información pública.

Deste xeito, as charlas ofrecerán á veciñanza unha visión global do proxecto e información específica sobre a súa incidencia no municipio e nas propiedades afectadas.

O proxecto das instalacións da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica «Eixe Maciñeira-Naraío», promovido por Red Eléctrica de España, S.A.U., está composto por catro actuacións: a nova Subestación Maciñeira 400 kV, a nova Subestación Naraío 400 kV, a nova liña aérea de transporte de enerxía eléctrica de 400 kV de entrada e saída na Subestación Maciñeira da liña Boimente-Mesón do Vento e a nova liña aérea de transporte de enerxía eléctrica de 400 kV Maciñeira-Naraío.
O conxunto das actuacións localízase nos termos municipais das Pontes de García Rodríguez, As Somozas e San Sadurniño e conta cun orzamento de execución material de 27.429.719 euros.

No caso das Pontes, a principal instalación prevista é a nova Subestación Maciñeira 400 kV, que estará situada integramente no termo municipal. A esta subestación conectarase a nova liña de entrada e saída da actual liña Boimente-Mesón do Vento, cunha lonxitude de 5,698 quilómetros. O trazado desta infraestrutura discorrerá integramente por Pontes.

O municipio tamén estará afectado pola nova liña aérea de transporte de enerxía eléctrica de 400 kV Maciñeira-Naraío, que conectará as futuras subestacións de Maciñeira e Naraío. Esta liña terá unha lonxitude total de 18,654 quilómetros, dos cales 7,328 quilómetros discorrerán polo termo municipal das Pontes.

A nova Subestación Naraío 400 kV estará situada en San Sadurniño e, xunto coa Subestación Maciñeira e as dúas novas liñas, completará o conxunto de infraestruturas que conforman o proxecto «Eixe Maciñeira-Naraío».

As actuacións forman parte da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica e permitirán atender novas demandas e necesidades de abastecemento eléctrico vinculadas a proxectos industriais de gran envergadura nas zonas das Pontes e Ferrol.

0.22693014144897