Organizan un curso sobre administración electrónica de explotacións agrarias en Muras

TerraChaXa
Medio Rural organiza a semana que vén dous cursos sobre a administración electrónica para a xestión das explotacións agrarias.
plantacion millo campo explotacion agraria
29 Out 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza os días 2 e 3 de novembro dous cursos sobre a administración electrónica para a xestión das explotacións agrarias no concello lugués de Muras.

Ambos cursos, impartidos pola oficina agraria comarcal de Vilalba, celebraranse na Casa Consistorial en horario de tarde, de 15:00  a 21:00 horas. O obxectivo deste tipo de formación é que os titulares das explotacións e as persoas que se queiran incorporar á actividade agraria se familiaricen cos procedementos dixitais da Administración galega, principalmente os da Consellería do Medio Rural, incluídos os trámites da Oficina Agraria Virtual ou as aplicacións SGA e SGAFoto.

As accións están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pódese atopar estes cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitir ao enderezo electrónico maria.carmen.rego.martinez@xunta.es. Se os interesados precisan información adicional poden chamar ao teléfono 982 828 954.

0.13238096237183