Organizan unha excursión a Lodoselo desde Muimenta o domingo 8

TerraChaXa
Esta saída busca coñecer de preto os proxectos sociais e culturais que converten a esta localidade nun referente en coidados e desenvolvemento comunitario na comarca da Limia
excursion-a-lodoselo-muimenta
27 Nov 2024

O próximo domingo, 8 de decembro de 2024, a asociación de Muimenta Aquilino Iglesia Alvariño organiza unha excursión cultural a Lodoselo, no concello de Sarreaus (Ourense). Esta saída busca promover o labor da nova asociación deste lugar, Fogar de Xúbilo, centrada nas persoas maiores, e coñecer de preto os proxectos sociais e culturais que converten Lodoselo nun referente en coidados e desenvolvemento comunitario na comarca da Limia.

A saída será ás 8:30 horas desde o Centro Médico de Muimenta, e o prezo da excursión inclúe transporte en autobús e o xantar. Os custes son de 30 euros para persoas socias e 35 euros para non socias. As inscricións poden realizarse ata o 5 de decembro na Mercería Teresa.

Lodoselo é coñecido como a "capital dos coidados" na Limia grazas a iniciativas innovadoras que apostan pola nova ruralidade. Entre os proxectos que se poderán visitar están a vivenda comunitaria para maiores, o comedor social e o centro de día, as casas da memoria e a casa niño, o forno comunitario, o pobo escola e moitos outros proxectos que promoven o benestar e a vida comunitaria.

0.16671204566956