Os alcaldes chairegos únense contra os proxectos mineiros de Erimsa

TerraChaXa
A Comisión contra as Minas da Terra Chá e os alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito, en representación dos concellos da Terra Chá afectados polas concesións mineiras á empresa Erimsa, expresaron a súa preocupación polos posibles impactos e consecuencias negativas que implicaría para o medio a actividade extractiva formulada nos distintos proxectos de explotación que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá.
03
19 Out 2019

A Comisión contra as Minas da Terra Chá e os alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito, en representación dos concellos da Terra Chá afectados polas concesións mineiras á empresa Erimsa, expresaron a súa preocupación polos posibles impactos e consecuencias negativas que implicaría para o medio a actividade extractiva formulada nos distintos proxectos de explotación que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá.

O medio de vida tradicional e, en concreto, no que atinxe ao último medio século, caracterízase por un importante desenvolvemento agrogandeiro asentado nunhas modernas instalacións e infraestruturas nas que se teñen investido importantes cantidades de diñeiro público e privado, acadando uns altos índices de produtividade, tanto leiteira como cárnica, feito que incide no gran aproveitamento da base territorial útil.

Isto trouxo consigo o asentamento de importantes industrias lácteas, fábricas de pensos e iniciativas empresariais múltiples, tanto comerciais como de actividades profesionais vinculadas a este sector, o que o converte no principal factor de creación de emprego estable e fai da Terra Chá unha das comarcas de maior puxanza agroindustrial de Galicia.

Malia a estes indicadores positivos, existen algunhas debilidades nos sectores agrogandeiros. Unha delas é a falla de base territorial para pasteiros e a produción de forraxes, necesarios para un maior benestar da cabana gandeira e unha maior rendibilidade das nosas granxas. Por iso, "dende as administracións debemos impulsar políticas que estimulen un maior acceso a base territorial das explotacións e, ao mesmo tempo, impedir a degradación dos nosos solos con proxectos e actividades que vaian en detrimento deste obxectivo" dixeron os alcaldes.

Por todo o devandito, "a nosa postura contraria á actividade extractiva de Erimsa non é un capricho e, moito menos, se basea no desexo de ir contra esta ou aqueloutra empresa. A nosa oposición a é un exercicio de responsabilidade, xa que os seus proxectos de explotación, que agora pretende levar a cabo, entendemos afectan bens importantes e causarían importantes impactos" engaden.

A reposición do solo orixinal, de producirse a explotación mineira, é de difícil viabilidade porque o volume que se devolve ao oco mineiro é inferior ao que existise orixinalmente, cunha diminución do nivel do chan orixinal; o material que se devolve ao oco mineiro, por outra parte, debe ser moito menos permeable co solo orixinal porque se lle destruíu a súa estrutura e porque perdeu boa parte dos seus constituíntes máis grosos; en consecuencia, o novo solo reposto, cun nivel máis baixo có entorno e moito menos permeable có orixinal, debe ser moito máis susceptible ás inundacións.

Pode haber unha grave afección á capacidade agronómica nos terreos adicados a prados por mor da actividade extractiva.

Entenden que debe ser un obxectivo social a conservación dos solos de especial excelencia agronómica, como sucede na Terra Chá. Especialmente si estes solos corren o risco de ser deteriorados sen posibilidade real de repoñelos ao seu uso natural por mor de actividades con forte impacto.

Amosaron igualmente a súa fonda preocupación polos impactos e afeccións que a actividade extractiva puidera causar no dominio público hidráulico, particularmente no que respecta á calidade das augas.

0.1730968952179