Os anos da fame

TerraChaXa
Por Moncho Paz O mandato do tenente coronel Pena como alcalde de Vilalba foi efémero, pois o 5 de novembro de 1936 foi nomeada unha nova xestora municipal, presidida por Manuel Fraga Bello, que estaría á fronte do Concello ata outubro de 1939, sendo substituído accidentalmente pola primeira tenente de alcalde, Mercedes Ramudo.
Moncho paz
17 Jan 2020

Por Moncho Paz

O mandato do tenente coronel Pena como alcalde de Vilalba foi efémero, pois o 5 de novembro de 1936 foi nomeada unha nova xestora municipal, presidida por Manuel Fraga Bello, que estaría á fronte do Concello ata outubro de 1939, sendo substituído accidentalmente pola primeira tenente de alcalde, Mercedes Ramudo.

Mario Xosé era coñecido na vila coma “o Pegullo”, un alcume que nada tiña que ver cun paxaro da familia dos córvidos, como pensan algúns. O termo “pegullo” é unha derivación da palabra castelá “peculio” (en latín, peculium), que no seu caso referíase aos bens herdados polo seu pai Antón, que fora fillo único e gozara dunha excelente situación económica. O sobrenome, segundo contaba o Chavito en certa ocasión, puxérallo agarimosamente Francisco Fanego Losada, cóengo mindoniense amigo da nosa familia e cliente habitual da Casa dos Marios. “Conscendere navibus aequor”, dicíalle Fanego ao meu avó, referíndose ás súas idas e voltas en barco a través do Atlántico.

O carácter de Mario Xosé mudou naqueles tempos escuros. A xovialidade que o caracterizaba antes da guerra deu paso a unha personalidade taciturna e reflexiva en exceso, agás en determinados momentos da intimidade familiar, como aconteceu o 5 de abril de 1938, día no que naceu o terceiro fillo, Ramón, un neno madrugador que chegou ás tres da mañá, antes do amencer; nese momento Mario Xosé contaba corenta anos de idade e a súa dona, trinta e oito.

Mentres isto acontecía en Vilalba, unha brisa mareira traía novas de Cuba. Na súa carta mensual, Xeneroso e María manifestaban a fonda impresión que lles causara a conferencia de Daniel Castelao no teatro Fausto. O ilustre rianxeiro pronunciara un discurso en defensa da República ante miles de galegos, nun acto que rematou por celebrarse nos exteriores do recinto debido á numerosa afluencia de asistentes. Dicían dende Cuba que Castelao estaba a percorrer a illa de punta a punta, cunha morea de intervencións e participando incluso na campaña electoral a favor do sector galeguista e republicano para democratizar o Centro Galego da Habana, coa finalidade de mellorar a xestión da Federación de Sociedades Galegas e a Sociedade de Beneficencia “Naturales de Galicia”, a máis antiga da emigración galaica polo mundo.

A presenza vilalbesa en Cuba era realmente notable, o que se poñía de manifesto coa creación de pequenas sociedades de instrucción, que xurdían para recrear a aldea afastada e trasladar así á perla do Caribe a identidade da terra de orixe. Pola súa banda, o envío puntual de parte dos aforros das familias instaladas en distintas cidades cubanas -maioritariamente na Habana- permitiu o financiamento dunha ducia de edificios escolares no Concello de Vilalba.

Aínda que existía un certo interese da sociedade cubana pola experiencia republicana española, o certo é que tras a caída do ditador Machado comezou un proceso de inestabilidade, con Carlos Manuel de Céspedes como presidente provisorio. En setembro de 1933 tamén tivo que renunciar, pois Fulgencio Batista encabezou “a revolta dos sarxentos” no exército e tomou o control do país, nomeando presidentes a conveniencia e implantando progresivamente un réxime autoritario e totalmente personalista, ata que en 1940 foi aprobada unha Constitución progresista que recibiu o apoio de todos os sectores políticos. Anos despois, en 1952, Batista protagonizaría un golpe militar, proclamándose presidente co soporte de Estados Unidos.

Mario Xosé seguía con especial atención pola prensa todo o que acontecía en Cuba e encantáballe recibir noticias da illa. A súa face iluminábase cada vez que chegaba correspondencia da familia Yáñez Paz, que gozaba dunha posición desafogada pola boa marcha do negocio. Grazas a iso podían sufragar os estudos universitarios do seu fillo maior, Néstor, o único con inquedanzas académicas. Os outros tres -Clara, Anxo e Consuelo- preferiron traballar na gran tinturaría que rexentaban, situada en Centro Habana, que contaba cunha importante carteira de clientes.

Chegou o Nadal de 1938, que estivo cheo de dificultades. Había que traballar arreo para manter unha familia con tres fillos. E a carga da sospeita pesaba moito, non era fácil vivir sinalado por algúns. Mario Xosé optou por centrarse nos quefaceres da tenda e pasar o tempo de lecer coa familia, sen amosar demasiado interese por participar en actos sociais e relixiosos. E así entramos en 1939, un ano cargado de significados históricos: en abril rematou a guerra civil, pero no outono comezou a Segunda Guerra Mundial, que duraría ata o verán de 1945.

Foi un período onde houbo en Galicia unha represión selectiva, coa militarización da vida cotiá e un forte intervencionismo estatal. Eran os anos da fame, onde vivir era sobrevivir. Neste contexto criáronse o Chavito e os seus irmáns, que polo menos tiveron a boa sorte de que os seus pais rexentasen un ultramarinos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17425012588501