Os cervenses celebran o San Xoán e o San Luís de Figueirido

TerraChaXa | AMariñaXa

20 jun 2019

Os cervenses organizan varias festas de San Xoán as que invitan a acodir tanto a veciños, como a visitantes. O San Xoán de Rúa vaise festexar o sábado e está organizado pola asociación de veciños de Rúa e Candelaria. Será o sábado, día 22 de xuño, a partir das oito do serán, no recinto da escola. Degustarase churrasco, chourizos e torresmos e bailarase ao ritmo do grupo Vivarium. Os socios poden comer gratis e a comida lles costará seis euros aos que non estean asociados. 

A festa de San Xoán en San Cibrao, organizadas pola asociación A Rebolaxe, celébrase ao día seguinte, o domingo 23, e comeza cunha sesión vermú ás 13.00 horas, baixo o título de ‘Mi rollo es el rock’. Despois, ás sete da tarde, comezarán os xogos tradicionais para nenos e adultos e as degustacións de chourizo, panceta e salchichas. Ao anoitecer prenderase a cacharela e á noite actuarán os The Lazy Bones antes de acender unha fogueira á medianoite. Haberá un aparcamento no estanco da praia do Torno e sorteos ao longo da tarde de premios coma un xamón, un cedé da cantante Sés, unha pandeireta, outro cedé dos The Lazy Bones e un circuíto de spa.

E as festas na honra de San Luís, en Figueirido, organizadas pola asociación cultural Ponte da Salgueiriña, coinciden en datas co San Xoán de xeito que comeza este venres, 21 de xuño, con verbena a cargo das orquestras Pontevedra e Merengue. O sábado 22, á mañá, os gaiteiros de Airiños do Xunco de Cervo percorrerán as rúas e a formación Alma Latina amenizará a sesión vermú trala procesión e tamén á velada nocturna. Haberá xogos populares con Paco Piñeiro. O Concello de Cervo colabora coas tres citas.