Os colexios das Pontes e Lugo, entre os premiados no primeiro concurso de carteis da Xunta polo Día de Europa

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
O primeiro premio desta categoría foi para o cartel elaborado polo alumnado do CEIP Plurilingüe Santa María, mentres que o segundo galardón recaeu no presentado polo CEIP das Mercedes
ganadores-as-pontes-cartel-europa
17 May 2026

A Xunta de Galicia levou ás aulas galegas os valores da Unión Europea coa celebración da primeira edición do Concurso de carteis do 9 de maio, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Facenda e Administración Pública para conmemorar o Día de Europa e fomentar entre o alumnado principios como a paz, a solidariedade, a cooperación e a unidade.

Entre os centros distinguidos nesta primeira convocatoria destacaron especialmente os traballos realizados por alumnado das Pontes e Lugo, que acadaron os dous premios da primeira categoría do certame, dirixida a estudantes de 3º a 6º de Educación Primaria.

O primeiro premio desta categoría foi para o cartel “Un para todos e todos para un”, elaborado polo alumnado do CEIP Plurilingüe Santa María, mentres que o segundo galardón recaeu en “A Unión Europea fainos máis fortes”, presentado polo CEIP das Mercedes.

O acto de entrega dos premios celebrouse en Santiago de Compostela e contou coa participación do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, encargado de clausurar a xornada e felicitar ao alumnado participante pola súa creatividade e implicación.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a importancia de transmitir ás novas xeracións os valores europeos e lembrou o avance experimentado por Galicia nas últimas décadas grazas ao apoio comunitario. “Europa non son só fondos ou infraestruturas. Europa son tamén valores como a paz, a democracia, a igualdade, o respecto á diversidade e a defensa dos dereitos humanos”, sinalou.

A Xunta puxo en valor a elevada participación rexistrada nesta primeira edición do concurso, no que se premiaron traballos procedentes de centros educativos das Pontes, Lugo, Tui, Camariñas, O Porriño e Ferrol. O certame avaliou especialmente a capacidade de reflexión, o diálogo e a expresión artística do alumnado arredor da idea de Europa.

Na segunda categoría, destinada ao alumnado de 1º e 2º da ESO e educación especial, o primeiro premio foi para “Unindo estrelas”, do Colexio Maristas Santa María.

Na terceira categoría, dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO, o primeiro premio recaeu no cartel “Europa en Galicia, futuro en marcha”, realizado polo IES Pedra da Aguia. O segundo premio foi compartido entre “Pedalamos xuntos por unha Europa mellor...”, do IES Ribeira do Louro, e “Europa, o noso camiño”, do IES de Catabois.

A través da Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos, a Xunta promove distintas iniciativas para achegar a realidade europea á cidadanía e dar visibilidade aos proxectos financiados pola Unión Europea en ámbitos como a innovación, a formación, a sustentabilidade ou a cohesión territorial.

0.13220191001892