Os colexios de Bretoña, Nadela e o Menéndez Pelayo de Lugo reciben os premios do proxecto Ningún Aro Sen Rede

A Fundación Breogán e a UNED Lugo celebraron este xoves o acto de entrega dos premios da cuarta edición de Ningún Aro Sen Rede, unha iniciativa de educación ambiental desenvolvida en colaboración con Ecoballution que fomenta a recollida e reciclaxe de material de escritura en desuso nos centros educativos.
O acto estivo presidido polo director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, e a directora da UNED Lugo, Ana Belén Traseira Pena, que participaron no recoñecemento aos centros educativos destacados polo seu compromiso coa sustentabilidade e a economía circular.
Durante o curso académico 2025/2026, a iniciativa permitiu recuperar un total de 53,2 quilogramos de material de escritura, entre bolígrafos, rotuladores e outros útiles escolares, promovendo a correcta xestión destes residuos e hábitos responsables entre o alumnado.
Nesta cuarta edición destacaron o CEIP de Bretoña (A Pastoriza), con 3,3 quilogramos recollidos na categoría de centros de menos de 50 alumnos; o CEIP Plurilingüe de Nadela, con 12,3 quilogramos na categoría de 51 a 150 alumnos; e o CEIP Menéndez Pelayo, con 22,6 quilogramos na categoría de centros de máis de 150 alumnos.
Máis alá das cifras de recollida, Ningún Aro Sen Rede consolídase como unha ferramenta de sensibilización ambiental que permite trasladar os principios da economía circular ás aulas mediante accións prácticas e accesibles para toda a comunidade educativa.
A colaboración entre a Fundación Breogán, a UNED Lugo e Ecoballution pon de manifesto a importancia de establecer alianzas entre entidades deportivas, educativas e ambientais para impulsar iniciativas que contribúan á protección do medio ambiente e á formación dunha cidadanía máis consciente e comprometida.
Desde as entidades organizadoras trasladouse o agradecemento ao alumnado, profesorado, equipos directivos e familias dos centros participantes, cuxa implicación fixo posible o desenvolvemento desta cuarta edición.
Con esta iniciativa, a UNED Lugo continúa reforzando o seu compromiso coa educación ambiental e a sustentabilidade, en consonancia co traballo desenvolvido a través do proxecto #LugoNaturalMente e da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED.