Os concellos e o resto de institucións súmanse ao 8M

TerraChaXa

Charlas, presentacións, xogos, obradoiros, concentracións, roteiros.

actos 8m 2
actos 8m 2
8 mar 2023

Charlas, presentacións, xogos, obradoiros, concentracións, roteiros... son moitas as actividades que se levan cabo nestes días con motivo da celebración do Día da Muller. Cada Concello preparou o seu propio programa, más amplo ou máis curto pero non falta o que sacou a cor morada.

Pouco a pouco van deixando imaxes das xornadas mentres que as institucións tamén se suman a esta xornada.

A Deputación ratifica no 8-M o seu compromiso coa igualdade plena e efectiva en todas as súas accións

Ducias de persoas acudiron este mércores ao acto organizado pola Deputación no Salón de Actos do Pazo de San Marcos con motivo do Día Internacional da Muller. Un encontro no que a deputada de Muller e Igualdade, e alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, deu lectura á  Declaración Institucional aprobada polo Pleno con motivo do 8-M, na que a institución ratifica o seu compromiso coa igualdade plena e efectiva e cos valores do feminismo en todas as súas accións, “un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”, ademais de facer fincapé na “necesidade de desenvolver iniciativas que poñan en valor a presencia da muller no eido da ciencia e da tecnoloxía, e de ofrecerlle ás novas xeracións exemplos de mulleres investigadoras, emprendedoras e impulsoras de avances tecnolóxicos que lles sirvan de exemplo”.

Deputadas e deputados da Corporación provincial participaron no encontro, que contou coa actuación musical de Iria Estévez, quen ofreceu ao público versións de grandes cancións con voces femininas. Ademais, os asistentes recibiron agasallos institucionais para favorecer a concienciación en igualdade.

Este acto súmase ao programa de actividades impulsado pola Deputación de Lugo para conmemorar o Día da Muller, no que se incluíu o segundo ciclo de concertos Con voz de Muller 8M, no que actuaron a pasada fin de semana A Banda da Loba, Caamaño&Ameixeiras, Catuxa Salom e Margarida Mariño, en Vilalba, Taboada, A Fonsagrada e Viveiro, respectivamente.

Ademais, ata o vindeiro sábado pode visitarse na planta baixa do Pazo de San Marcos a mostra Elvira López Mourín. Unha Enfermeira de Altura para visibilizar e poñer en valor a esta “muller excepcional” nada no concello de Láncara “que foi pioneira en todos os aspectos da súa vida”, tal e como destacou a Deputada de Muller.

O Pazo de San Marcos loce na súa fachada esta semana pancartas en cor violeta en reivindicación da igualdade entre homes e mulleres co lema Querémonos vivas, libres e iguais. Durante dúas xornadas iluminarase en horario nocturno o edificio desa mesma cor, en defensa dos dereitos, liberdades e a seguridade das mulleres.

Centros de Atención a Maiores

Froito do modelo asistencial que ten implantado a Deputación nos Centros de Atención a Maiores para favorecer o arraigo e a plena integración dos seus usuarios e usuarias na vida social e cultural do concello no que residen, a entidade tamén organiza actividades nas residencias en torno ao Día da Muller.

As persoas maiores que viven nos centros da Deputación vestirán traxes tradicionais galegos cedidos polo Centro de Artesanía e Deseño da institución provincial e serán fotografados con eles. Así mesmo, os residentes traballan na elaboración duns broches en forma de sombreiro que simbolizan o que cargan as mulleres na sociedade. As pezas serán entregadas na contorna dos centros de maiores, como colexios, tendas ou centros de saúde para dar visibilidade á súa participación no Día da Muller.

Servizo de Audiovisuais

Por outra banda, o Servizo de Audiovisuais da Deputación sumouse a estas iniciativas coa gravación de testemuñas de residentes dos Centros de Atención a Maiores sobre a  desigualdade de xénero que existía cando eran nenas ou mozas, tanto dende o punto de vista legal como de roles, co que se elaborará un audiovisual. Realizou tamén unha decena de animacións nas que se fai fincapé na desigualdade de dereitos que existía ata a chegada da democracia.

No caso das alumnas do Centro de Formación Audiovisual, conmemoran este día coa elaboración de vídeos baseados na sororidade.

Así mesmo, a Deputación difundirá diariamente ao longo de todo o mes de marzo nas redes sociais a sección Mulleres da Provincia creada polo Servizo de Audiovisuais, e dedicada a mulleres que traballan en profesionais tradicionalmente masculinas ou que son pioneiras en determinados ámbitos.

Entre Mulleres

No marco dos actos celebrados na provincia con motivo desta efeméride, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asistirá esta tarde aos premios Entre Mulleres organizados polo Concello de Lugo no MIHL. Nesta ocasión, recoñecen á á presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; á Catedrática da Facultade de Químicas da USC, Isabel Fernández; á presidenta do EMEVE, Bibi Bouza; á xornalista Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle Inclán; a Celia Neira, propietaria do restaurante A Nosa Terra; e a  Ana Rosa Rodríguez, policía local da primeira promoción de axentes mulleres en Lugo.

Homenaxe UXT

Por outra banda, a Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participará tamén esta tarde na homenaxe que o sindicato UXT lle renderá a Ana Núñez Sanjurjo, traballadora sindicada vinculada á educación, con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora. Ao rematar, deputados e deputadas provinciais participarán na manifestación con motivo do 8M.

A Delegación Territorial da Xunta reafirmou o seu compromiso para seguir traballando en favor da igualdade

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo reafirmou hoxe o seu compromiso para seguir traballando en favor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes con motivo da celebración do 8-M, Día Internacional da Muller, que este ano ten como lema Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero.

A secretaria territorial de Lugo, Marta Barreiro, e a xefa da Unidade de Igualdade, Coro Piñeiro, pronunciaron a declaración institucional da Xunta, que destaca a aposta por promover entre as nenas e mozas as vocacións STEM -ciencia, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas – para rachar coa fenda de xénero e cos estereotipos que aínda persisten. “Para iso – incide o manifesto - “resulta fundamental consolidar o enfoque de xénero e o fomento da incorporación e promoción profesional das mulleres neste ámbito”.

O acto contou coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias, quen subliñou que o Goberno galego está a desenvolver o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, dotado con 44,7 M€, o maior orzamento da súa historia. Este plan aspira a lograr un sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Arias tamén fixo balance da incidencia que tiveron o ano pasado na provincia de Lugo os principais programas de axudas artellados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para seguir combatendo da man das entidades locais e do tecido empresarial os factores que causan o desequilibrio de xénero.

Destacou a concesión de 834.000 euros a 47 concellos -o 70% do total - para apoiar os 11 Centros de Información á Muller (CIM) da provincia e os programas municipais destinados a promover a igualdade, previr e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Tamén o apoio ao emprendemento feminino a través do programa Emega, que en 2022 logrou incentivar 57 iniciativas empresariais constituídas por mulleres en 28 municipios lucenses cun investimento autonómico de 709.000 euros; ou as achegas a empresas para implantar medidas de igualdade laboral, que nos últimos meses achegaron 76.000 euros a 15 firmas da provincia.

“Son liñas que se convocan anualmente e que se reforzan neste ano 2023”, dixo Arias, quen lembrou ademais que a Administración autonómica está a traballar no II Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2022-2025, co fin de avanzar no reparto das tarefas familiares de coidados entre mulleres e homes e implantar o benestar laboral nas empresas.

A subdelegada destaca no 8-M os avances do Goberno na protección dos dereitos das mulleres

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o firme compromiso do Goberno coa promoción e protección dos dereitos das mulleres, a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, así como coas políticas públicas que resolvan as desigualdades que enfrontan as mulleres. Isabel Rodríguez, que leu esta mañá un manifesto na Subdelegación do Goberno con motivo do Día Internacional da Muller, enfatizou que España consolídase como un país feminista e advertiu que segue habendo importantes retos pendentes.

Isabel Rodríguez fixo referencia á violencia contra as mulleres e ás diferentes iniciativas lexislativas impulsadas polo Goberno para ofrecer recursos a todas as vítimas das violencias machistas. Así, destacou a Lei de garantía integral da liberdade sexual que vai supoñer o despregamento por todo o territorio de centros de crises 24 horas con servizos de asistencia psicolóxica, xurídica e social que van permitir acompañar ás vítima; o Plan Camiño, o primeiro plan de inserción para mulleres vítimas de trata e explotación sexual, dotado con máis de 200 millóns de euros; ou o reforzo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, cunha partida histórica que chega aos 320 millóns de euros.

Así mesmo, a subdelegada celebrou as medidas aprobadas no plano laboral polo Executivo Central como a subida do SMI, o recoñecemento dos dereitos laborais das traballadoras do fogar, a aprobación da igualdade retributiva, así como da redución dos contratos temporais e a precariedade provocada pola reforma laboral.

Igualmente, puxo en valor a resposta decidida do Goberno para atender a diversidade das mulleres e as súas necesidades e contextos. Deste xeito, lembrou que as mulleres con discapacidade viron por fin materializarse en España unha reivindicación histórica coa eliminación das esterilizacións forzosas; aprobouse a Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, que blinda o aborto libre, seguro e gratuíto; e recoñeceuse o dereito á autodeterminación de xénero para as persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

Por último, a subdelegada apelou a estas políticas feministas para contribuír tamén a unha Europa feminista como unha casa común de dereitos e liberdades.

acto 8m deputacion
acto 8m xunta
acto 8m subdelegacion