Os contratos-programa chegan a 12 centros educativos da comarca chairega

TerraChaXa
A Xunta de Galicia vén de facer pública a resolución definitiva dos centros seleccionados con contratos-programa dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes públicos de educación infantil, primaria e secundaria para o curso 2018/19.
12 Feb 2019

A Xunta de Galicia vén de facer pública a resolución definitiva dos centros seleccionados con contratos-programa dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes públicos de educación infantil, primaria e secundaria para o curso 2018/19. Serán en total 69 os centros da provincia lucense que desenvolvan 160 accións nalgunha das sete liñas de actuación dos contratos-programas. No conxunto de Galicia 572 centros desenvolverán 1.623 accións dos contratos-programas.

Os centros da comarca que desenvolverán estas accións serán na Pastoriza, o CEIP O Salvador; en Abadín, o CEIP Aquilino Iglesia Alvariño; en Castro de Rei, o IES da Terra Chá e o José Trapero Pardo; en Guitiriz serán o CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga e o IES Poeta Díaz Castro; en Meira, o CEIP Poeta Avelino Díaz e o IES Pedregal de Irimia; en Rábade, o CEIP Otero Pedrayo e o IES Río Miño, e, por último en Vilalba, o IES Lois Peña Novo e o CEIP Antonio Insua Bermúdez.

A Consellería atenderá todas as demandas de profesorado externo adicional para desenvolver estas iniciativas contratando 29 docentes na provincia. No referido aos docentes dos propios centros lucenses que se implican no desenvolvemento destas accións, serán un total de 64.

Segundo as estimacións, os contratos-programa chegarán este curso académico a 28.889 alumnas e alumnos da provincia lucense. A resolución definitiva pode consultarse no portal educativo da Xunta.

A través de sete liñas de traballo concretas os contratos-programa inciden en ámbitos de actuación como a identificación de dificultades de aprendizaxe e articulación de respostas axeitadas, o fomento dun bo clima na aula e no centro que favoreza o proceso de ensino e aprendizaxe, a atención educativa aos colectivos vulnerables, a adquisición de competencias clave, o fomento da igualdade e a coeducación, a participación das familias ou a mellora da xestión dos centros, entre outros.

A primeira liña e a máis demandada, a de Reforzo, orientación e apoio (PROA), busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

Pola súa banda, a liña 2 céntrase nas accións para a mellora da competencia matemática. O desenvolvemento desta actuación incluirá sempre o reforzo desta competencia, podendo incluír tamén actuacións para a mellora en comunicación lingüística e/ou competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

A liña 3, de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, inclúe todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa; mentres que a liña 4 se centra na prevención do abandono educativo temperán e do absentismo escolar.

A quinta liña está orientada a mellorar o nivel de coñecementos do alumnado para acadar a excelencia. Trátase dunha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado. Pola súa banda, a sexta liña está conformada por un conxunto de medidas ou actividades destinadas a mellorar a xestión dos centros educativos a partir da reflexión e a toma de decisións baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles.

Finalmente a sétima liña de actuación ten por obxectivo o reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica como modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo. O desenvolvemento desta actuación supón a creación de grupos de reforzo da competencia matemática, da competencia en comunicación lingüística e/ou das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. En todo caso, priorizarase a competencia matemática.

 

Os centros da provincia lucense que desenvolveran estas accións serán na Pontenova o CEIP Plurilingüe da Pontenova; en Barreiros o CEIP San Miguel de Reinante Barreiros; en Burela o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, o IES Perdouro eo  IES Monte Castelo; en Foz o CEIP de Foz nº 1, CEIP O Cantel e o IES de Foz; en Lourenzá o CEIP Juan Rey; en Mondoñedo o IES Plurilingüe San Rosendo; en Ribadeo o CEIP Gregorio Sanz e o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo; en Trabada o CEIP Plurilingüe Celso Currás; en Viveiro o CEIP de Celeiro, o EEI San Roque, o CEIP Plurilingüe Santa Rita, o CEIP Plurilingüe de Covas e o CEP Luís Tobío.

0.089885950088501