Os datos da EPA evidencian unha temporalidade insostible en Galicia, asegura CC.OO.

TerraChaXa
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia asegura que os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do cuarto trimestre do 2018 evidencian unha «temporalidade insostible» na comunidade autónoma.
3 Feb 2019

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia asegura que os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do cuarto trimestre do 2018 evidencian unha «temporalidade insostible» na comunidade autónoma. A organización sindical afirma que a precariedade «alimenta a perda de poboación activa», pois as condicións de traballo «non son atractivas» para configurar proxectos de vida.

Á luz desta realidade, a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, sinala que non abonda con ter un observatorio de dinamización demográfica: «precisamos empregos e salarios dignos, e apostar polo sector produtivo, nun momento en que os nosos sectores industriais están en permanente crise».

A voceira de CCOO coida que o único positivo destes datos é que, cuantitativamente, «son bos, en tanto que hai un aumento do emprego». A análise é máis negativa cando se debullan os aspectos cualitativos.

Segundo Bouza, a mellora que houbo no emprego foi, sobre todo, a través da contratación a tempo parcial, ao tempo que a taxa de temporalidade se mantén moi elevada. A sindicalista lamenta que non se aproveite a etapa de crecemento da economía para mellorar as condicións de contratación e sinala que aínda hai case 150.000 persoas desempregadas.

Análise da EPA

Os datos da enquisa de poboación activa reflicten que o número de persoas ocupadas baixou en 8.400 no cuarto trimestre de 2018 respecto ao trimestre anterior (un descenso do 0,76 %), mentres que na media estatal o emprego medrou en 36.600 persoas (un incremento do 0,19 %).

A perda de emprego bate con máis forza nos homes ca nas mulleres (6.400 ocupados menos fronte a 2.000 ocupadas menos). Destruíuse emprego en todos os sectores, agás nas industria: no primario hai 2.400 persoas ocupadas menos ca no terceiro trimestre de 2018, nos servizos 8.300 menos, na construción 500 menos, mentres que na industria hai 2.700 persoas ocupadas máis. Polo tipo de xornada, a perda de poboación ocupada concentrouse na que ten xornada completa (19.800 persoas ocupadas menos a xornada completa fronte a 11.400 persoas ocupadas máis a xornada parcial).

No que atinxe ao emprego por conta allea, no cuarto trimestre de 2018 había 6.200 persoas asalariadas menos ca no trimestre anterior. A destrución de emprego concéntrase no sector privado (6.600 persoas asalariadas menos no sector privado e 400 máis no sector público) e, polo tipo de contrato, no temporal (8.600 empregos temporais menos e 2.400 indefinidos máis).

O igual que nos tres anos anteriores, en termos anuais, creouse emprego en Galicia, chegando o número de persoas ocupadas ata 1 088.100 no cuarto trimestre de 2018. Porén, aínda están ocupadas 108.300 persoas menos ca no mesmo trimestre de 2008 (91.200 son homes e 17.000 mulleres), e a taxa de ocupación segue sendo inferior (46,6 % no cuarto trimestre de 2018 e 49,7 % dez anos antes).

O emprego medrou en 32.300 persoas nos últimos doce meses (16.700 homes e 15.700 mulleres), o que supón un incremento do 3,06 % fronte ao 2,98 % na media estatal. En proporción, medrou mais a poboación ocupada a xornada parcial (12.700 persoas ocupadas máis, un 9,2 %) que a de xornada completa (19.700 ocupadas máis, un 2,1 %).

No cuarto trimestre de 2018 había 150.900 persoas ocupadas que tiñan un posto de traballo a xornada parcial (o 13,9 % da poboación ocupada fronte ao 13,1 % que había un ano antes). O 57 % das persoas que traballaban a xornada parcial manifestaron que tiñan ese tipo de xornada porque non atopaban un traballo a xornada completa; só un 7 % afirmou buscar ese tipo de xornada.

No último ano, en proporción, medrou máis o emprego indefinido (+5,3 %) ca o temporal (+1,0 %) pero aínda así o 26 % da poboación asalariada tiña un contrato temporal no cuarto trimestre de 2018 (26,8 % un ano antes). Das 873.300 persoas que había traballando por conta allea no cuarto trimestre de 2018, só o 65 % tiñan un contrato indefinido a xornada completa.

O índice de rotación laboral reflicte que a rotación entre as persoas con contratos eventuais é esaxerada e aumenta. No ano 2018, cada persoa asalariada temporal asinou, de media, 4,3 contratos, fronte a 2,5 contratos dez anos antes.

O paro baixou tanto na comparación trimestral (4.100 persoas paradas menos) coma na anual (33.200 persoas paradas menos) e taxa de paro diminuíu ata o 12,0 % (un ano antes estaba no 14,7 %).

Con todo, no cuarto trimestre de 2018 había 148.900 parados e paradas en Galicia (72.700 homes e 76.200 mulleres) e deses 61.200 son de longa duración (o 41 % das persoas paradas). O 54 % da poboación parada de longa duración ten 45 ou máis anos.

En 54.200 fogares, todos os seus membros activos están en desemprego e en 27.000 fogares non entra ningún tipo de ingreso.

A poboación activa reduciuse tanto na comparación trimestral (12.400 persoas activas menos) coma na anual (900 persoas activas menos). A perda da poboación activa está influíndo moito na mellora das estatísticas; de feito, o número de persoas en paro alcanzado no cuarto trimestre de 2018 é o máis baixo dos últimos dez anos pero aínda quedan por recuperar 108.300 empregos para situarnos no nivel de ocupación que había a finais de 2008, co que non todas as persoas que abandonan o paro se incorporaron ao mercado de traballo.

0.15973901748657