Os días infantís das festas de San Ramón e Santa María volverán encher Vilalba de xogos e actividades gratuítas

TerraChaXa
A programación dos días 2 e 3 de setembro incluirá inchables, un parque acuático, festa da escuma e o espectáculo do Mago Antón
VILALBA presentacion festas
5 Aug 2026

As festas de San Ramón e Santa María volverán reservar un espazo destacado para o público infantil cunha programación específica os días 2 e 3 de setembro na Praza da Constitución de Vilalba. O Concello presentou este mércores as actividades previstas, que serán gratuítas e estarán dirixidas a nenos, nenas e familias.

O programa arrancará o 2 de setembro con inchables para distintas idades, atraccións como Rokomonte, Shotter Gallery e un touro mecánico con simulador de surf. A xornada completarase con catro pases do espectáculo 'O Mago Antón: 50 anos de maxia', programados ás 13.00, 17.00, 18.30 e 20.00 horas.

Ao día seguinte, o protagonismo será para as actividades acuáticas, cun parque acuático tropical, os inchables Tripletobogán, Rampa Aqua Red Wave e Mundo Mariño, ademais da tradicional Festa da Escuma, que se celebrará se as condicións meteorolóxicas o permiten.

As actividades desenvolveranse en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas durante ambas xornadas.

A programación conta, por terceiro ano consecutivo, co patrocinio do Grupo Entrepinares, que tamén colaborará co Concello nas actividades do Samaín e en parte da programación de Nadal. Ademais, durante os dous días ofrecerá unha merenda gratuíta a base de snacks de queixo para os nenos e nenas asistentes.

0.11901903152466