Os empresarios do polígono Sete Pontes urxen ao Concello a desenvolver melloras de cara á súa humanización
A Asociación de Empresarios Sete Pontes pide ao Concello de Vilalba desenvolver canto antes as medidas de mellora no polígono industrial que lle ten trasladado ao alcalde en diversas reunións.
Segundo o colectivo, "algunhas das necesidades que actualmente sofre o noso polígono industrial relaciónanse coa humanización do mesmo. É o caso do ensanche, peche e preparación da cuneta do cemiterio, o bacheo e a reparación dos aparcadoiros tanto na sede do edificio coma fronte ás instalacións de Norvento". Tamén lle facía traslado a directiva da súas propostas de colocación de montículos de plástico ou similares á altura do cemiterio para a freada nos stops" así coma o seu interese por coñecer "o estado en que se atopa a ampliación do chan industrial do Polígono Sete Pontes".
É por iso polo que solicitan ao Concello indicar as datas para levar a cabo as obras coas que atender as devanditas necesidades suxerindo que, na medida do posible, se leven a cabo canto antes.
Festas de San Ramón e Santa María
Doutra banda, a Asociación de Empresarios Sete Pontes aproveita para dar os parabéns pola gran iniciativa que a comisión de festas de San Ramón e Santa María leva a cabo co sorteo de puntos para trocar no comercio vilalbés, xa que será unha maneira de dinamizar o comercio na nosa vila e que dende a Asociación de Empresarios consideran "moi importante".