Os estudantes de Foz en situación de vulnerabilidade terán conexión gratuíta a internet

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Os estudantes de Foz en situación de vulnerabilidade terán conexión gratuíta a internet ata final de curso.
19 Abr 2020

Os estudantes de Foz en situación de vulnerabilidade terán conexión gratuíta a internet ata final de curso. Acaba de anuncialo o alcalde focense, Fran Cajoto.

O rexedor municipal explica que “a empresa de telecomunicacións Adamo en colaboración co Concello de Foz ofrece conexión gratuíta a internet ata final de curso a todos aqueles estudantes en situación de vulnerabilidade que carezan dela. É unha gran iniciativa que permitirá a aqueles estudantes que carecían de dita conexión poder seguir o curso en igualdade de condicións. Fará menor esa brecha dixital que, como ben dixo a ministra Celaá, é una brecha social”.

Fran Cajoto engade que “en coordinación cos centros, o Concello xa levaba tempo recabando información sobre o número e cales son as necesidades a nivel educativo, xa que este curso vaise realizar on line, o cal faría que un número importante de alumnos non puidesen rematalo en igualdade de condicións. O Concello, na súa web e en estreito traballo cos centros educativos, tramitará esas solicitudes, que serán recollidas nas oficinas do Concello para realizar a súa tramitación”.

Impresión de material educativo

Ademais o Concello de Foz procederá a impresión de material educativo a aquelas familias que así o precisen. Estas solicitudes deben remitirse a dirección de correo electrónico  imprimir@concellodefoz.es, indicando o nome e a dirección na que debe ser entregado dito material así como o arquivo que desexan que se lles imprima.

O Concello tamén está a repartir o material que os centros educativos lle están indicando nos domicilios dos estudantes para que poidan así seguir cos seus estudos.

O alcalde focense destaca que “para este goberno municipal a educación é un dos seus eixos fundamentais xa que a consideran unha peza fundamental no desenvolvemento dunha sociedade. Este goberno é consciente de que esta iniciativa de Adamo se limita ás zonas nas que xa está implantada dita empresa, aínda que é intención deste goberno que a fibra se estenda a todo o territorio do municipio”.

0.17702198028564