Os galardoados monicreques de Kukas estarán martes e mércores en Viladonga

TerraChaXa
Este Nadal no Museo do Castro de Viladonga, haberá un novo espectáculo dos Monicreques de Kukas que porán en escea Xan Perillán e a maleta máxica, para un aforo limitado: máximo 60 persoas.
thumbnail
15 Dec 2019

Este Nadal no Museo do Castro de Viladonga, haberá un novo espectáculo dos Monicreques de Kukas que porán en escea Xan Perillán e a maleta máxica, para un aforo limitado: máximo 60 persoas. A representación será os días 17 e 18 de decembro en dúas sesións cada xornada, ás 10.30 e 12.00 horas. Os interesados en asistir deberán reservar no teléfono 982 870 160.

Esta compañía, dirixida por Marcelino de Santiago e Isabel Rey, foi galardoada co Premio da Cultura de Galicia na modalidade de Artes Escénicas cando cumpre corenta anos de existencia.

Os Monicreques de Kukas é a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galicia e unhas das máis estables do panorama teatral galego. Creada por Marcelino de Santiago e Isabel Rey, neste 2019 cumpre 40 anos de existencia con actividade continuada, nos que produciron máis de 40 montaxes teatrais, entre espectáculos con marionetas, ruadas e teatro de actor.

O traballo de Os Monicreques de Kukas céntranse na investigación e creación de novos prototipos de marionetas que lles permiten realizar espectáculos de gran formato dirixidos a todo tipo de público. Considérase un exemplo de arte e de industria cultural, de investigación e innovación, tanto nas técnicas de construción e de manipulación como na procura de novas formas de exhibición, para o que colaboran con gran número de profesionais das artes escénicas, co IGAEM e coa Real Filharmonía de Galicia.

0.18098211288452