Os grandes proxectos da parroquia de Pino

TerraChaXa
A asociación veciñal, que reforzou a súa directiva, organiza unha intensa actividade desde o 2007
directiva-da-asociacion-san-martino-de-pino
Directiva da asociacion San Martiño de Pino
9 Xuño 2024

Co nome de Asociación Veciñal Recreativo Cultural San Martiño do Pino naceu aló polo 2007 este colectivo cospeités, que creceu de forma continuada desde as súas orixes e hoxe é unha referencia nesta parroquia polas iniciativas de dinamización que levan a cabo. Foron un total de once persoas as que botaron a andar este proxecto, que dirixía Jesús Pena. O obxectivo estaba claro, “facer cousas pola veciñanza: excursións, cursos e xuntanzas”.

O Fume Novo foi a primeira xuntanza veciñal na área recreativa de Porto e gustou moito porque é unha das actividades fixas do colectivo, que a segue a celebrar a día de hoxe todos os meses de xuño. Ao principio era só cea, “pero agora pasamos alí todo o día”, explican desde o colectivo.

Outras das citas ineludibles é o Magosto, que foi xa nos primeiros anos pero só cunha castañas e liscos con chourizo. Nos últimos anos pasaron a celebrar o Magosto Cultural Caldaloba, que reúne numerosos actos nese mesmo día, como a entrega to título honorífico (que recibiron persoeiros como Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana e, neste último, Helena Villar); recital poético, etc.

Tanto Fume Novo como Magosto pararon pola pandemia, pero xa están de novo en marcha.

Tamén tiña relevancia na programación anual da sociedade o cocido de carnaval, que se suspendeu pero que agora teñen previsto recuperar nos vindeiros anos. Así mesmo teñen ganas de volver a celebrar, como xa se fixera uns dous anos, o Prefinde cos veciños.

Despois dos catro primeiros anos de funcionamento houbo un cambio na directiva, collendo a presidencia José Luis Pena e Iago Moisés Paz e, desde o falecemento do primeiro, Inés Lozano é a presidenta.

“Agora neste ano, tocaba renovación, como eramos só tres compañeiros pensamos que era mellor unha ampliación para repartir algo máis de traballo” e así foi como se ampliou a 7 persoas, xa que xunto a Lozano, están Esther Braña como secretaria, Mª Carmen Méndez como tesoureira e como vogais figuran Ana Castro, Ana Pena, Noa Pena e Sonia Torres. Teñen activos arredor de 80 carnés de socio, englobando en cada un deles como socios a todos os membros da casa.

Como explica Inés Lozano, tódolos anos pasa o mesmo, “hai algún socio que se da de baixa, pero entran outros novos” polo que desde o ano 2021 está crecendo de forma continuada, e incluso teñen socios de fóra de Pino.

Aínda que o Lume Novo e o Magosto son as súas actividades principais e que concentran máis público, destaca tamén unha terceira, o certame de poesía Torre de Caldaloba, “do cal nos sentimos moi orgullosos”. Contan coa colaboración do Concello e de Martiño Maseda, que foi tamén responsable de idear esta iniciativa. Hoxe en día este premio literario é xa un referente na provincia.

Xunto a este, destacan outros dos certames, o de Caligramas Constanza de Castro e o de debuxo A Túa Caldaloba.

“A Torre de Caldaloba está moi presente, pois é a fortuna que ten esta asociación de darlle visibilidade e que as distintas institucións non a esquezan”, explica Inés Lozano.

Ademais, das actividades habituais, este ano teñen previstas unha serie de excursións, así como cursos e charlas informativas dos que van informando segundo se van concertando aos seus socios. “Os proxectos cara o futuro estanse preparando entre todas, para poder sorprender”, afirma.

A BIBLIOTECA

Se ben non paran na súa actividade, o maior logro deste colectivo foi sacara adiante a biblioteca rural San Martiño de Pino. “Aproveito para agradecer todas as doazóns que fixeron e avanzar que agora necesitamos estantes”, di.

Os primeiros andeles foron doados pola asociación A Corva, comuneiros do monte desta mesma parroquia, que tamén compraron para o local un equipo de son, un proxector e uns estores. “Grazas a eles colocamos todos os libros que nos doaron do colexio Virxe do Monte de Cospeito, pero, agora, a raíz de saír nun programa de TVE empezaron a chegar doazóns de libros da Coruña, Madrid, Cantabria e, claro, tamén de por aquí máis preto. Así que hai que ampliar estantes. Isto está en marcha, sempre que nos concedan a subvención da Xunta que acabamos de solicitar”, explica.

Como avanza Inés Lozano, as principais necesidades para o colectivo sempre son económicas, pois só contamos cos socios e para facer tantas cousas non chega. Pero tamén teñen axudas, tanto por parte do Concello como da Deputación, “pero ás veces temos que contar co diñeiro antes de que chegue esa axuda e aí está o problema”, afirma.

0.15826201438904