Os loitadores vilalbeses brillan no Campionato de España U13 celebrado en Sevilla

TerraChaXa
A actuación máis destacada chegou da man de Mauro Basanta, quen conseguiu a medalla de bronce no seu debut nun campionato nacional
loita-galega-campionato-de-espana
25 May 2026

Os Campionatos de España U13 de loita olímpica e feminina, disputados esta fin de semana en Sevilla, deixaron unha destacada actuación da representación galega, que acadou o subcampionato estatal nas modalidades de Libre Olímpica e Libre Feminina. Entre os integrantes da selección galega atopábanse catro deportistas vilalbeses que conseguiron importantes resultados na súa primeira experiencia nun nacional.

Isaac Funcasta rematou a competición nun meritorio noveno posto, mentres que Carla Cazás e Daniela González finalizaron ás portas do podio tras lograr a cuarta posición nas súas respectivas categorías. A actuación máis destacada chegou da man de Mauro Basanta, quen conseguiu a medalla de bronce no seu debut nun Campionato de España.

Desde o club destacaron o gran nivel competitivo amosado polos seus deportistas, que lograron superar varios combates nun torneo de máxima esixencia e fronte a participantes de toda España.

A selección galega contou tamén coa presenza doutra representante lucense, Enma García, pertencente ao Club de Loita Lugo, que tamén debutaba nun campionato estatal e conseguiu outra medalla de bronce para o combinado galego.

Co metal acadado por Mauro Basanta, o club suma xa seis medallas en campionatos nacionais, entre elas varias de ouro, consolidando así a súa progresión nas competicións estatais. Ademais, a entidade xa mira cara ás próximas citas deportivas, xa que dentro de dúas semanas participará nos Campionatos de España sénior coa intención de ampliar o seu palmarés.

0.11784982681274