Os museos provinciais lanzan as actividades de verán

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
Os museos provinciais lanzan as actividades de verán, con propostas para divulgar o patrimonio e animar á creación artística
actividades veran museos deputacion
actividades veran museos deputacion
21 jun 2023

Hoxe abre o prazo para anotarse nas actividades, pensadas fundamentalmente para nenas e nenos.

A Rede Museística Provincial de Lugo desenvolverá durante os meses de xullo e agosto unha variada axenda de obradoiros creativos e propostas didácticas pensadas fundamentalmente para nenas e nenos de distintas idades.

Baixo o epígrafe Museos, arte e benestar, os catro museos da rede - Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, San Paio de Narla e o Pazo de Tor- acollerán actividades orientadas a propiciar a creación e a convivencia e a divulgar e transmitir a cultura e a historia do país a través das coleccións e fondos dos museos.

Talleres guiados polo pintor Alberto Pena que invitará a nenas e nenos a crear as súas propias obras a partir das pinturas e pezas do Museo Provincial de Lugo, a elaboración dun mural colectivo con materiais de refugallo recollidos nas praias coa participación do artista Martín Lestao ou obradoiros de expresión corporal e artes escénicas coa pedagoga e actriz Stephanie Cubides Martínez son algunhas das propostas destacadas desta axenda, que inclúe tamén diferentes xogos e propostas lúdicas para afondar no coñecemento dos museos.

Na presentación das actividades coa xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago e a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro, a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro sinalou que “esta programación reforza o coñecemento e a vinculación da cidadanía cos museos, desde as primeiras idades, espertando o interese polo patrimonio e pola creación artística”. Tamén sinalou que “contribúen a ampliar a oferta cultural e lúdica, especialmente para as primeiras idades nos concellos nos que se ubican os distintos museos durante os meses de verán.

Inscricións

A axenda de actividades pode consultarse na plataforma multicanle da Rede Museística Provincial, comunidadermpl.com, e na web redemuseistica.org. O prazo de inscrición abre este mércores 21 de xuño. A solicitude debe realizarse no enderezo concertacionsrmp@gmail.com (Xuntamos programa completo)

O Pazo de Tor, recoñecido por TripAdvisor nos Travellers’ Choice 2023

Por sétimo ano consecutivo, o Pazo de Tor foi recoñecido pola plataforma internacional de viaxes Tripadvisor como un dos mellores lugares para visitar na provincia de Lugo. O pazo monfortino figura entre os Travellers´Choice 2023, unha listaxe que se elabora a partir das puntuacións e opinións recolildas pola plataforma nos últimos doce meses e sinala os mellores destinos para viaxeiros e viaxeiras de todo o mundo.

actividades veran museos