Os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Periodistas chegan a Vilalba e Castro de Rei

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza esta semana dous obradoiros de alfabetización mediática dirixidos á poboación adulta na Terra Cha. O venres 16 de outubro ás 20:00 horas desenvolverase o primeiro dos talleres, a cargo de Elena Martín Lores, na Casa da Cultura de Vilalba; mentres que o sábado 17 de outubro ás 18:00 Miguel Rodríguez Fernández impartirá o segundo obradoiro, no Teleclub de Castro de Rei. Os actos, encadrados no programa de obradoiros contra a desinformación organizado coa subvención da Deputación de Lugo, son de asistencia libre e gratuíta, sen necesidade de inscripción previa.
O programa de alfabetización mediádica do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa a súa andaina pola Terra Cha, dentro do proxecto subvencionado pola Deputación Provincial de Lugo. Tras o obradoiro realizado o pasado 25 de setembro en Guitiriz, Vilalba este venres 16 de outubro e Castro de Rei o sábado 17 terán tamén acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas. Como todas e todos os formadores, Elena Martín Lores e Miguel Rodríguez Fernández, responsábeis respectivamente dos dous obradoiros, recibiron formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Este venres 16 de outubro realizarase o primeiro dos obradoiros contra a desinformación desta semana, con comezo ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba (Praza Suso Gayoso, 1), que vai estar a cargo de Elena Martín Lores. Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, Martín Lores forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine.
O sábado 17 de outubro vai ter lugar, a partir das 18:00 horas, un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática no Teleclub de Castro de Rei. O obradoiro estará impartido por Miguel Rodríguez Fernández, que traballou cinco anos en La Opinión A Coruña e foi xornalista de datos na axencia de noticias Press Association no Reino Unido; desde 2019 é editor de Datos en ICIS, ademais de colaborar con medios elDiario.es, La Voz de Galicia, Naiz ou Tempos Novos.
A asistencia a ambos os dous actos é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requerirse inscrición previa.
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.