Os orzamentos da Xunta de Galicia dedican máis de 1,2 millóns de euros á área de benestar social

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PSdeG cre que o modelo público de residencias que creou Besteiro cando estaba á fronte da Deputación de Lugo é mellor que o da Xunta, e desde o BNG sosteñen que se chegan á Presidencia fortalecerán a inspección nos centros de atención a maiores.
politica social Xunta de Galicia
19 Jan 2024

O PSdeG cre que o modelo público de residencias que creou Besteiro cando estaba á fronte da Deputación de Lugo é mellor que o da Xunta, e desde o BNG sosteñen que se chegan á Presidencia fortalecerán a inspección nos centros de atención a maiores.

Os orzamentos para o 2024 da comunidade autónoma de Galicia veñen de ser os primeiros en aprobarse de toda España, algo que a Xunta de Galicia ve como un éxito, así como presumen da súa cantidade, xa que ascenden a 13.257 millóns de euros, os máis elevados da historia do noso país.

Así, desde a Xunta defenden que estes garantirán o crecemento estable, consolidarán as rebaixas de impostos en vigor e inclúen novos incentivos fiscais; reforzando o gasto social e os investimentos sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos.

Tamén din que estes orzamentos suporán un investimento para a contratación de persoal para reforzar os servizos públicos autonómicos e o apoio aos galegos e galegas que máis o precisan; apostando pola modernización do servizo de saúde; a inclusión de novas prestacións; o reforzo dos servizos sociais, en especial a atención aos maiores; o apoio ás familias e as políticas de vivenda; e impulsando medidas de integración no mercado de traballo e loita contra a exclusión.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, nunha conferencia de prensa, sostivo que a situación económica actual “é o motivo polo cal se puxo o acento no gasto social, coa sanidade, a educación e a política social á cabeza, co fin de apoiar aos máis vulnerables e para promover o desenvolvemento e modernización dos servizos públicos”.

Con respecto ao ámbito do benestar social, representado pola Consellería de Política Social, este ten o maior aumento porcentual nos orzamentos, xa que sobe un 11,9 %, alcanzando os 1.205 millóns de euros.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou que estas cifras son “un investimento, nunca un gasto, xa que nos permitirán crecer como sociedade e avanzar en dereitos”.

Os orzamentos con respecto ás persoas maiores e dependentes

Nos orzamentos que se inclúen no ámbito de Política Social, contémplanse 540 millóns de euros para a atención a maiores e a mellora dos servizos sociais sociocomunitarios, o que representa un incremento do 18 % con respecto a este exercicio. Na actualidade, hai máis de 73.000 persoas dependentes que precisan de recursos de atención diúrna ou atención residencial.

Por outra parte, a ampliación de capital en Política Social, que é un triplo superior con respecto ao ano 2009, inclúe 97 millóns de euros destinados á nova prestación de 5.000 euros anuais, o Bono Coidado no Fogar, unha axuda pública universal de 5.000 euros ao ano que beneficiará a máis de 20.000 galegos que son coidados nas súas casas por un familiar, un veciño ou outra persoa da súa confianza.

Así mesmo, para aquelas que precisen de atención as 24 horas do día, créase un complemento, tamén universal, o Bono Residencia ao que se destinará 55 millóns de euros. As persoas con esta prestación recibirán un apoio económico extra de 1.200 euros ao ano para o pago dun centro da súa preferencia.

Por outro lado, os orzamentos tamén reforzan o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa que auméntase nun 15 % o seu financiamento, dotando con 130 millóns de euros aos concellos para subir o número de horas a disposición aos gobernos municipais e cumprir os acordos asinados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Nesta liña, tamén se contemplan 4,7 millóns de euros para estender a rede de casas do maior para chegar a máis concellos do rural e garantir o funcionamento das 125 que están en marcha nestes momentos, así como os 18,5 millóns de euros do Plan de investimentos da Xunta para as novas residencias e centros de día de titularidade municipal. Por último con respecto a este apartado, dedicaranse 12 millóns de euros nos para executar obras de mellora para adaptar as residencias públicas autonómicas ao novo modelo de coidados.

Ademais, faise unha provisión de 800.000 euros para o programa de Respiro Familiar, a través do que se financian estadías temporais en residencias ou a contratación dun coidador; e vólvense destinar 3 millóns de euros para ofrecer un apoio de 12.000 euros ao ano a todas as persoas diagnosticadas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) en Galicia.

Os orzamentos da Xunta en canto á política e o benestar social tamén promoven unha entrada na idade maior fundamentada no envellecemento activo, promovendo iniciativas que fomenten a participación dos máis maiores na vida social. Así, presentouse o Carné +65, o programa Benestar en Balnearios e un novo programa con descontos para viaxes nacionais e internacionais a persoas maiores de 65 anos.

O PSdeG, pola súa parte, cre que o modelo público de residencias que creou Besteiro cando estaba á fronte da Deputación de Lugo é mellor que o da Xunta e, de chegar a ser presidente da Xunta, di que estenderá este modelo a toda Galicia.

“O meu modelo é todo o contrario ao de Rueda: aquí os maiores son tratados coma na casa, en centros pequenos e ben atendidos, sen ter que marchar do seu pobo, e pagan o xusto en función da súa capacidade patrimonial”, sostén Besteiro.

Pola súa parte, desde o BNG prometen fortalecer a inspección a residencias de maiores, xa que os propios inspectores denunciaron que a Xunta avisa aos centros de atención a anciáns cando vai haber inspección, dificultando a capacidade dos profesionais para coñecer a situación real destes lugares.

Os orzamentos con respecto á discapacidade, á xuventude e a inclusión social

Os orzamentos da Xunta contemplan 172 millóns de euros para a atención á discapacidade, que supoñen un 4 % máis que no exercicio vixente. O concerto social elevarase nun 25 % o investimento nos contratos, subirase o importe do prezo por praza dos servizos e asumiranse as subidas salariais dos traballadores das entidades.

Tamén aumentarán nun 50 % as axudas para o tecido asociativo, que no presente ano ascenden a 9 millóns de euros só no sector da discapacidade, e resérvanse outros 7 millóns para ampliar a rede galega de atención temperá, que na actualidade conta con 46 unidades que atenden a 200 concellos.

No ámbito da xuventude, dedícanse preto de 2 millóns de euros ás iniciativas ‘Xuventude Mentoring’ e ‘Xuventude Mentoring na Empresa’, xa que nas súas primeiras edicións axudaron a máis de 700 mozos a emprender as súas carreiras profesionais. Ademais, aumentan nun 5 %, ata os 800.000 euros, as axudas para sacar o carné de conducir. Por outro lado, 4 millóns de euros destinaranse para os programas ‘Primavera Xove’, ‘Outono Xove’ ou as propostas que se desenvolven nos 12 Espazos Xoves da Xunta.

Con respecto ás partidas de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, estas soben un 5 % para sumar 242 millóns de euros e increméntase un 9 % o orzamento destinado a financiar a gratuidade en todas as escolas infantís, acadando os 60 millóns de euros, co fin de dar cobertura ás preto de 1.000 novas prazas municipais creadas este ano. Así mesmo, con este 9 % máis de fondos para a gratuidade tamén se atenderá ao aumento do número de escolas infantís privadas e de iniciativa social que se está a producir. Ademais, no presuposto de 2024 destínanse 3 millóns de euros para as ampliacións da rede de casas niño. Outros 31,4 millóns de euros serán para apostar pola Tarxeta Benvida como apoio económico para as familias que teñan un fillo, e atenderanse a todas as solicitudes do Bono Concilia Familia.

No ámbito da protección de menores, o orzamento de 2024 incrementa os fondos ata os 6,5 millóns de euros para o acollemento familiar, e en 60 millóns de euros  para os servizos de protección á infancia. Ademais, as contas tamén contemplan a creación de novos Puntos de Encontro Familiar (PEF) das comarcas da Mariña, do Deza e de Monterrei.

Por último, con respecto á área de Inclusión Social, dedicaranse 153 millóns de euros, un 3 % máis que o ano pasado e aprobarase a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030 para actualizar os novos retos neste ámbito. Ademais, a Xunta mantén o orzamento da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) nos 46 millóns de euros para atender a todas as persoas que a soliciten e non poidan transitar ao Ingreso Mínimo Vital (IMV).

Por outra lado, as contas de 2024 inclúen 5 millóns de euros para as Axudas de Inclusión Social (AIS), que benefician a 3.000 persoas en situación de vulnerabilidade, e outros 8 millóns para aboar o complemento autonómico ás pensións non contributivas a máis de 37.000 galegos. Así mesmo, o orzamento da Xunta reforza as axudas a entidades sociais a través da orde específica como por medio da casilla social do IRPF nun 21 % ata os 20 millóns de euros. E, para finalizar, contempla unha partida de 19 millóns de euros para o financiamento dos servizos sociais dos concellos.

O BNG, pola súa parte, levou ao Parlamento unha iniciativa para reformar a Lei de Inclusión Social pola “falta de impulso lexislativo da Xunta, un síntome claro dun Goberno en decadencia”. E o PSdeG defende que “as pensións, ademais de ter que ser dignas, son un dereito e un beneficio directo sobre o benestar das persoas e o sustento de moitas familias”.

0.155198097229