Os parques comarcais de bombeiros desinfectan os exteriores de 50 centros asistenciais

TerraChaXa
8 Maio 2020

Por iniciativa do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, os efectivos dos seis parques de bombeiros do Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento –situados en Monforte de Lemos, Sarria, Chantada, Barreiros, Viveiro e Vilalba- están a desenvolver dende hoxe tarefas de desinfección preventivas da Covid-19 nos exteriores de preto de 50 centros asistenciais da provincia. En concreto, desenvolverán os traballos en centros de saúde, residencias e centros de menores dos concellos da provincia de máis de 5.000 habitantes, así como dos centros de maiores que a institución provincial ten en Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada.

Tomé Roca, tamén presidente do propio Consorcio de bombeiros, informa de que os traballos xa comezaron na xornada deste xoves e continuarán ao longo dos próximos días. O Presidente subliña que o obxectivo principal é contribuír á loita contra o coronavirus e dar resposta ás necesidades dos concellos da provincia: “Manter as superficies limpas é imprescindible, por iso a desinfección resulta fundamental, e máis aínda en lugares sensibles como son as residencias de maiores, e en espazos onde se atende a moitas persoas como é o caso dos centros de saúde”.

Estes traballos lévanse a cabo logo de que Tomé Roca lle trasladara por carta á Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia a total disposición do Consorcio para efectuar as tarefas, xa que ata o momento non se recibiran peticións neste sentido por parte do Posto de Mando Avanzado. Un ofrecemento que foi acollido por parte da delegación territorial da Xunta en Lugo, coa que o Consorcio coordinou a relación de lugares e concellos nos que se consideraba necesario actuar.

José Tomé subliña que esta iniciativa responde de novo á vontade de colaboración e lealdade institucional da Deputación con todas as administracións, tanto para contribuír a paliar os efectos da crise sanitaria do coronavirus, como para desenvolver con garantías o plan de desescalada do confinamento.

O Parque de Bombeiros de Vilalba actuará nos concellos de Vilalba, Outeiro de Rei e Castro de Rei. En Vilalba desinfectarán os exteriores do centro de maiores e o centro de saúde. En Outeiro de Rei o centro de maiores e o centro de saúde. E en Castro de Rei os traballos serán nos tres centros de persoas con discapacidade, no centro de maiores e nos centros de saúde de Castro de Riberas de Lea e no de Castro.

0.15999317169189