Os Roteiros de Adega pasarán este ano pola Lagoa de Cospeito
ADEGA-Lugo dedicará os Roteiros deste curso 2018-2019 ao coñecemento e posta en valor da fauna autóctona de Galicia, especialmente de especies dos diferentes grupos animais que son emblemáticas ou que están en situación de ameaza, ben polo seu preocupante estado de conservación, ben pola controversia social que suscitan. Ao longo dos diferentes percorridos, ADEGA fará fincapé nas características biolóxicas dos animais e do seu hábitat natural, ademais de abordar as principais ameazas que fan perigar a súa supervivencia, a problemática asociada nalgúns casos á convivencia co ser humano en determinados espazos e as posibles solucións, procurando desterrar falsas crenzas popularmente asociadas a algúns animais.
O programa, que levará por título Fauna D’aquí e que corresponde á vixésimo primeira edición dos roteiros de ADEGA-Lugo, desenvolverase desde o mes de outubro deste ano ata o mes de xuño de 2019, cun roteiro mensual que coincidirá sempre en domingo. Durante estas andainas pola natureza, as persoas participantes poderán gozar da biodiversidade e beleza do noso territorio, ao tempo que coñecen un pouco máis a fauna autóctona e a necesidade de protexela. Visitaranse distintas zonas da xeografía galega, escollidas en función da temática deste curso e dalgunhas das propostas suxeridas polos camiñantes habituais. Así, as andainas desenvolveranse por lugares representativos na distribución das especies protagonistas ou nos que se están a desenvolver iniciativas para a súa conservación ou recuperación.
Sempre que sexa posible, ademais da participación habitual e altruísta de guías locais, contarase coa colaboración de expertos naturalistas e biólogos que están a desenvolver plans ou programas de conservación das especies de referencia ou que están especializados no estudo das mesmas.
Entre os lugares emblemáticos a visitar este ano figura a Lagoa de Cospeito, que será concretamente o 20 de xaneiro.
Nova web e formulario de reserva
Neste curso 2018-2019, ADEGA-Lugo tamén estrea unha nova páxina web específica para esta actividade de divulgación ambiental, á que se pode acceder a través da URL http://roteirosadegalugo.wordpress.com. Neste sitio web poderase consultar o programa de roteiros, a información relativa a cada saída e tamén o formulario a través do cal se deberán inscribir as persoas participantes. Tamén poderán reservar praza a través dos números de teléfono 982240299 e 670260440. Outra novidade deste curso é que as inscricións se terán que facer polo menos con 3 días de antelación á data do roteiro.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
A saída do autobús terá lugar ás 8.00 ou ás 9.00 horas da mañá, dependendo da proximidade do destino, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.
Programa de Roteiros
O programa será o seguinte:
- 28 Outubro: O Oso pardo, de volta no Courel
- 18 Novembro: Rastrexando o Veral, na procura do mexillón de río e doutras pegadas
- 16 Decembro: Os morcegos das Covas de Vale (Baralla)
- 20 Xaneiro: Lagoa de Cospeito: refuxio invernal de moitas aves
- 17 Febreiro: Valdoviño: onde conflúen aves mariñas e de humidal, sedentarias e migratorias
- 24 Marzo: San Tirso-A Pontenova: remontando o Eo pola ruta do ferrocarril
- 28 Abril: Corrubedo: relicto da píllara das dunas, o sapoconcho común e o sapo de esporóns
- 26 Maio: Pontevedra: as libeliñas do Lérez
- 16 Xuño: Serra do Xurés: seguindo os pasos do lobo, baixo a mirada da aguia real