Os sindicatos anuncian máis mobilizacións en Ingemar se non se readmite aos despedidos

TerraChaXa
Os sindicatos anuncian novas mobilizacións en Ingemar se non se readmite aos 5 despedidos e se recupera a carga de traballo.
traballadores ingemar folga 2
19 Maio 2022

As federacións da Construción de UGT e CIG piden á dirección da empresa Grupo Ingemar SL que tome nota "da contundente resposta da plantilla" aos despedimentos levados a cabo e que  dea marcha atrás. O paro de catro horas do pasado venres foi respaldado pola totalidade da plantilla "que amosou dese xeito a súa solidariedade e apoio aos 4 traballadores das serras e á traballadora das oficinas despedidas". De non ser así, os sindicatos anuncian a convocatoria de novas xornadas de mobilizacións .

Desde as centrais sindicais denuncian as actuacións organizativas que está levando a cabo a dirección do Grupo Ingemar, "desviando a segunda transformación da pedra a outras mercantís da competencia co obxectivo de deixar a factoría como un mero taller ou almacén cun grupo moi reducido de traballadores e seguir comercializando o granito das canteiras en bloque".

UGT e CIG anuncian a súa intención de poñer en coñecemento público e das distintas administracións esta intención empresarial e a realización de despedimentos individuais "por causas provocadas intencionadamente, non chegando aos topes legais para ser tratados como o que realmente son:  ERES encubertos".

Asimesmo, os sindicatos denuncian a inexistencia dun plan de viabilidade; "trabállase sobre pedido, sen dirección na fábrica, que se dirixe dende León pola nova familia propietaria que adoece de falta de experiencia para dirixír unha empresa deste calado e sen apoiarse e consultar cos traballadores de Parga, con contrastada experiencia e compromiso cunha empresa que lograron sacar do concurso de acreedores grazas ao seu esforzo e sacrificio".

"Se non cambian de estratexia isto está chamado ao fracaso, e o primeiro paso para cambiar a situación é a readmisión dos traballadores, a recuperación da carga de traballo desviada e a volta a un clima laboral de entendemento e paz social", conclúen.

0.1838219165802