Os socialistas chaman á revolución o Día do Traballador
O Secretario Xeral Provincial, Álvaro Santos Ramos, o Secretario de Organización Nacional, José Antonio Quiroga, a membro da Comisión Executiva Federal, Pilar Cancela, e o membro da Executiva municipal focense, Francisco Cajoto, inauguraron este luns a tradicional xornada de “fraternidade”, que celebrou o PSOE na área recreativa do Santo Bispo, no Concello de Foz, con motivo do 1 de maio, Día do Traballador. 200 compañeiros participaron nesta cita, na que os socialistas reivindicaron o seu “código xenético”, “o que fomos, somos e sempre seremos: defensores dos dereitos dos obreiros”.
Así o destacaron ditos representantes do PSOE a todos os niveis territoriais (estatal, nacional, provincial e municipal), que xuntos subliñaron que “nesta xornada poñemos en valor as nosas orixes, hai 139 anos, cando o Partido Socialista xurdiu como unha ferramenta social para mellorar a vida dos nosos veciños, nunhas circunstancias que practicamente volven a ser as mesmas debido ás políticas e ao modelo de sociedade da dereita: en primeira instancia, a do Partido Popular e, en segundo termo, a de Ciudadanos, que é o cómplice e o brazo executor dos populares. Conxuntamente están a desmantelar o Estado Benestar do que o PSOE, o partido que máis tempo gobernou na historia da democracia, ten a patente. Fomos os socialistas os responsables de todos e cada un dos dereitos, oportunidades e avances sociais que acadamos no país, demostrando que a xustiza social ben da man do PSOE, o partido que naceu por e para defender por igual os dereitos de todos os cidadáns”.
Santos Ramos lembrou que “foi o Partido Socialista, no Congreso da Segunda República en París de 1889, o que declarou o 1 de maio como o Día do Traballador. Fíxoo en recoñecemento da revolución que, ese mesmo día, tres anos atrás, en 1886, inician os obreiros para reclamar unha xornada laboral de 8 horas; algo tan simple que, das 24 horas que ten o día, 8 fosen para traballar, 8 para estar coa familia e 8 para durmir. Hoxe, despois de dúas ditaduras e dunha democracia de 40 anos, o Partido Popular conseguiu volvernos a pór na tesitura do 1 de maio de 1886, pois a reforma laboral do PP levouse por diante, non só o salario e o traballo de moita xente, senón tamén as condicións dignas nas que traballamos”.
“O PP méntenos cos datos do paro, tentando enganarnos con cifras e porcentaxes. Hoxe na provincia de Lugo contamos con 18.040 desempregados e no 2011 había 24.500. Un político que faga unha análise sinxela da sociedade dirá que o paro baixou nunhas 6.500 persoas. Pero iso non é verdade, pois no primeiro trimestre do 2011 había 136.900 persoas na provincia traballando e hoxe hai 134.900. É dicir, temos 2.000 empregos menos que hai 7 anos. Na nosa provincia, os datos non melloran pola acción do PP senón pola crise demográfica que estamos a sufrir”.
“E hoxe non só temos que reivindicar máis emprego senón tamén máis postos de traballo dignos. Pois dos case 20.000 contratos que se asinaron no primeiro trimestre de 2018 na provincia, o 87,3% son temporais de 1 día e ata de horas”.
“Outro dato que temos que ter en conta: o salario medio no Estado hoxe é de 1.636 euros mentres que en Galicia é de 1.447, case 200 euros por debaixo. No 2011, en España era de 1.630 e en Galicia de 1.780. Polo tanto, perdemos 350 euros de media salarial en tan só 7 anos de goberno do PP”.
“A realidade que xerou, nega e tenta de ocultar o Partido Popular é a de menos oportunidades económicas e emprego, salarios e pensións máis baixas con máis impostos, máis horas de traballo, máis discriminación de xénero tamén no eido laboral, máis precariedade, máis pobreza... Este é modelo de sociedade da dereita
Revolución
“Necesitamos políticas que acaben coa desigualdade salarial, coa precariedade laboral, coas diferencias entre territorios, necesitamos infraestruturas que nos permitan desenvolvernos en igualdade de condicións que o resto de provincias, máis recursos e dotacións públicas....necesitamos o noso Estado do Benestar. Temos que loitar para pór fin ao modelo de sociedade da dereita do Partido Popular e dos seus cómplices, para acadar o unha sociedade xusta, para que o 1 de maio non se converta nun día de nostalxia en vez dunha data de impulso, xeración... Non podemos agocharnos, temos que chamar á revolución, á reivindicación, á defensa dos nosos dereitos como a de 1886 ou como de hoxe de mulleres e homes pola igualdade de xénero, porque a bandeira do feminismo xa ninguén a vai a para e calar. Con loita e valentía non nos van a parar”.
Os socialistas gardaron un minuto de silencio ao inicio do acto en apoio á última vítima de violencia machista, veciña de Burgos.
Por outra banda, felicitaron ao Club Deportivo de Foz polo éxito acadado.