Os socialistas de Abadín esixen a convocatoria dun pleno urxente

TerraChaXa

A agrupación do PSdeG en Abadín esixiu este venres que se convoque de forma urxente o Pleno municipal, logo de non ter lugar no mes de marzo, tal e como correspondía por normativa.

13 abr 2024

A agrupación do PSdeG en Abadín esixiu este venres que se convoque de forma urxente o Pleno municipal, logo de non ter lugar no mes de marzo, tal e como correspondía por normativa. Segundo lembrou o voceiro socialista, Pablo Díaz, no Pleno de Organización celebrado en xuño do pasado ano a Corporación aprobou que as sesións se celebren todos os meses impares.

Pablo Díaz asegura que as prácticas do Alcalde “fan que se deteriore a calidade democrática no municipio” e pon como exemplo que non se celebrara a sesión plenaria o mes pasado marzo “para tratar, cando menos, os asuntos pendentes de contestar que constan no pleno ordinario anterior”. Tamén denuncia que non se lle abonaron os pagos correspondentes pola asistencia aos tres plenos celebrados do mes de xuño, logo das eleccións municipais, a cinco concelleiros socialistas do municipio.

Explica o portavoz do PSdeG que no último Pleno celebrado, en xaneiro, os socialistas solicitaron copia dos varios reparos de legalidade levantados polo Secretario; do informe da Secretaria sobre a desafectación de dous camiños en Moncelos; información detallada á que se refiren varias facturas con concepto de “gastos diversos” por importes de 12.000 euros; e do uso que se está a facer por parte do alcalde do coche oficial do Concello. Cuestións todas que están por contestar.

O socialista argumenta que o Pleno é o máximo órgano de representación política dos cidadáns e que a normativa recolle que se celebre nos meses impares, polo que é un dereito da veciñanza e unha obriga do alcalde convocalo.