Os socialistas preguntarán á Xunta pola decisión de parar os proxectos para o vello Xeral
O deputado socialista Luis Álvarez presentará no Pleno da próxima semana unha pregunta oral á Xunta pola súa paralización dos proxectos previstos para o Vello Xeral de Lugo. O parlamentario lugués incluíu esta iniciativa na orde do día logo de coñecer que a Xunta agochara que rompeu co protocolo asinado co goberno central no mes de xullo pasado.
O responsable socialista instou ao presidente da Xunta a que acepte a solicitude de comparecencia presentada polos socialistas galegos conxuntamente co resto dos grupos da oposición, e que será tramitada na próxima Xunta de Portavoces.
Álvarez explicou que a Xunta vulnerou de forma deliberada e “con nocturnidade” o protocolo asinado no setembro pasado coa entón ministra de Emprego, que obrigaba á Xunta a tramitar un expediente de retrocesión patrimonial das instalacións a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social. O pasado 31 de maio o goberno galego anulou sen avisar tódalas tramitacións feitas ata o momento.
Explicou que con esta decisión a Xunta “non pode acometer as partes do proxecto da Residencia de uso non sanitario”. Renuncia así a facer a oficina de emprego, a planta de distribución de biomasa, o centro de emprendemento aeronáutico nin a comisaría que prometeu o PP, tal e como determina o decreto de cesión do hospital, que se remonta a 1990 e que sinala que os fins do complexo só poden ser sanitarios.
Retrocesión
Aínda que o prazo establecido para a dita retrocesión era de un mes e a Xunta tardou seis en acordar a retrocesión do pavillón xeral -25 de xaneiro- e oito en facer o propio co edificio da Escola de Enfermaría -8 de marzo-, o 31 de maio, e agochando a decisión deliberadamente á opinión pública, o Consello da Xunta acorda deixar sen efecto os dous acordos.
O deputado socialista censura que esta última decisión, que rompe co establecido no protocolo e polo tanto frea tódolos proxectos, fora “conscientemente ocultado na información que se facilita sobre os asuntos tratados”.