Os socialistas de Rábade levan ao Pleno a mellora das instalacións deportivas municipais

LugoXa | TerraChaXa
Rexistraron unha moción para intervir na pista e nos vestiarios do pavillón municipal e habilitar un segundo vestiario no campo de fútbol
pavillon-rabade-desperfectos
22 May 2026

O Grupo Municipal Socialista de Rábade vén de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno na que reclama a mellora das instalacións deportivas municipais, con actuacións na pista e nos vestiarios do pavillón municipal e coa habilitación dun segundo vestiario no campo de fútbol.

O voceiro socialista, Alejandro Martínez, explicou que veciñanza e entidades deportivas teñen trasladado nos últimos meses a súa preocupación polo estado destes espazos, que presentan deficiencias que afectan á práctica deportiva, á comodidade e á seguridade das persoas usuarias.

A moción propón realizar unha avaliación técnica da pista e dos vestiarios do pavillón para determinar as reparacións precisas e executar, coa maior brevidade posible, os traballos de mantemento e acondicionamento necesarios. No caso do campo de fútbol, o PSdeG solicita a elaboración dun proxecto para a construción ou habilitación dun segundo vestiario, co obxectivo de completar as instalacións e facilitar o desenvolvemento de escolas deportivas, adestramentos e competicións.

A proposta solicita tamén, no caso de ser necesario, colaboración e financiamento doutras administracións públicas para levar a cabo estas actuacións. Neste sentido, Martínez lembra que a Deputación xa amosou o seu compromiso con Rábade, cun investimento de 200.000 euros na renovación integral do campo de fútbol e outros 58.000 euros na construción dos actuais vestiarios.

“O que pedimos é que o Partido Popular deixe de mirar cara outro lado, que dende o Concello asuma a responsabilidade de manter en condicións as instalacións municipais e que reclame á Xunta financiamento para estas actuacións. A Deputación de Lugo xa colaborou con feitos; agora cómpre que o Goberno galego tamén estea á altura”, afirmou.

Martínez lembrou, ademais, que hai uns días mantivo unha reunión coa Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para trasladarlle esta demanda e procurar vías de colaboración institucional. “Dende o PSdeG levamos esta preocupación ás institucións, trasladamos as necesidades que nos fan chegar a veciñanza e as entidades deportivas e buscamos apoio para que Rábade conte con instalacións dignas. Mentres tanto, ao Partido Popular da Xunta nin se lle ve nin se lle espera”, criticou.

Dende o Grupo Municipal tamén denunciaron a falta de compromiso da rexedora coa actividade ordinaria do Concello e cos acordos sobre o funcionamento dos Plenos. “A alcaldesa comprometeuse expresamente a respectar as datas das sesións plenarias, pero unha vez máis o Pleno non vai en tempo. Tiña que terse celebrado hai dúas semanas e seguimos agardando a que o convoque”, advertiron.

“Dende o PSdeG seguiremos exercendo unha oposición útil, responsable e pegada á realidade das nosas veciños e veciños. Levamos propostas, trasladamos demandas, buscamos colaboración doutras administracións e poñemos enriba da mesa solucións concretas para que Rábade avance”, concluíu Martínez.

0.13844108581543