Os traballadores de Einsa Print aceptan un ERE extintivo para 121 traballadores
A asemblea de traballadores da empresa Einsa Print nas Pontes aprobou por unha ampla maioría acollerse a un ERE extintivo que afectará a 121 persoas, dos algo máis de 220 que ten a empresa.
Así o acordaron os traballadores, que explicaron que a proposta da empresa pasaría por unha indemnización de 30 días por ano traballado e un máximo de 20 mensualidades.
Estas condicións foron aprobadas polos operarios da planta situada no polígono de Penapurreira, con máis de 150 votos a favor e máis de 40 en contra.
Ademais, para estas saídas decidiron, en asemblea, a apertura dun período no que aqueles operarios interesados en abandonar a empresa, de maneira voluntaria, se podan inscribir.
Para a tarde de hoxe está fixada a primeira reunión entre sindicatos e patronal para estipular a forma na que aplicar o ERE extintivo.
De non aprobarse esta medida de rescisión de contratos, segundo detallaron, a empresa "ameazou" con presentar no mes de marzo concurso de acredores, "ante a situación que atravesa a compañía".