Os traballadores do Concello das Pontes continuarán coas mobilizacións para esixir a aprobación da RPT

TerraChaXa
Anuncian que estarán presentes en cada acto público municipal para dar a coñecer as súas demandas
concello-as-pontes
27 Jun 2025

O Comité de Empresa do Concello das Pontes e os delegados de persoal continuarán coas medidas de presión para esixir a aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello das Pontes. Así se acordou nas dúas asembleas de traballadores celebradas este mesmo xoves, na Casa Dopeso, e nas que representantes tanto do persoal laboral coma dos funcionarios deron conta da falla de avances na aprobación de dito documento.

Tras realizar varias concentracións estes días atrás e colocar pancartas reivindicativas en diferentes puntos do municipio e en distintos actos multitudinarios, Comité de empresa e delegados de persoal anuncian que estarán presentes en cada acto público municipal para dar a coñecer as súas demandas.

Tal e como denuncian, a día de hoxe, "séguense a rexistrar salarios inferiores ao salario mínimo interprofesional (SMI), en departamentos coma o da limpeza ou Servizo de Axuda no Fogar".

A esta situación hai que engadir a merma do cadro de traballadores municipais con continuas amortizacións de prazas que dan lugar a situacións coma a do departamento de Obras que pasou de ter case medio cento de traballadores en 2007 a pouco máis dunha ducia, neste momento.

⚙ Configurar cookies
0.14018297195435