Os transportistas do carbón urxen o desmantelamento a central térmica das Pontes

TerraChaXa
Solicitan á Xunta de Galicia a demolición total das instalacións da Unidade de Produción Térmica
endesa-as-pontes-vista-aerea-lago
Vista aérea da central térmica en funcionamento
9 Xuño 2024

A Asociación de Transportistas do Carbón solicita á Xunta de Galicia a axilización, de forma urxente, dos trámites necesarios para poñer en marcha o proceso de desmantelamento da central térmica das Pontes.

Desde o colectivo apuntan a necesidade de que o desmantelamento se inicie canto antes e se libere o chan que agora ocupa a central térmica, un espazo que conta con todos os servizos necesarios para o asentamento de novos proxectos empresariais xeradores de actividades para o sector do transporte da localidade.

Así mesmo, recalcan que “os transportistas fomos os máis prexudicados polo cese da actividade da central térmica das Pontes, máis de 200 persoas quedaron sen traballo. Agora, todas as esperanzas do sector están postas nas fábricas de Ence e Sentury pero precisamos que máis proxectos se asenten no chan que se liberará co desmantelamento da central térmica, proxectos que xerarán tráfico e impulsarán novas actividades para o colectivo dos transportistas.

Por outra banda, desde A Asociación de Transportistas do Carbón solicitan á Xunta de Galicia a demolición total das instalacións da Unidade de Produción Térmica das Pontes e que se inicie canto antes. Aluden tamén á proposta de creación dun museo nas instalacións da térmica, subliñando que “os transportistas non viven dun museo, necesitamos empresas que xeren actividade e para iso e preciso dispoñer do chan industrial que agora ocupa a central térmica”

0.18105292320251