Os Valuros levarán a música tradicional ao Auditorio Municipal de Vilalba

TerraChaXa
O concerto, organizado polo Iescha coa colaboración do Concello de Vilalba, celebrarase o 27 de xuño con entrada gratuíta previa reserva
concerto-os-valuros-castro-de-rei
26 Jun 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) continúa coa programación cultural deste mes de xuño coa organización dun concerto de música tradicional a cargo do grupo Os Valuros, de Castro de Rei, unha actuación que se enmarca no programa Tradigalu 2026, impulsado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O concerto terá lugar o sábado 27, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será de balde, aínda que será necesario reservar previamente as localidades a través da plataforma habilitada polo Concello.

A actividade conta coa colaboración do Concello de Vilalba e forma parte dunha iniciativa cultural de carácter itinerante que busca achegar a música tradicional e coral a todas as comarcas da provincia de Lugo. Tradigalu nace coa finalidade de complementar e difundir a programación musical no territorio lucense, promovendo ao mesmo tempo o desenvolvemento económico, a promoción cultural e o acceso da cidadanía á cultura.

Nesta edición participan agrupacións corais, bandas de música e formacións de música tradicional radicadas na provincia, que levan as súas actuacións aos distintos concellos das trece comarcas lucenses.

Os protagonistas da cita en Vilalba serán Os Valuros, unha agrupación nacida en 1990 da man dun grupo de nenas e nenos de Castro de Rei e da súa contorna unidos pola súa paixón pola música tradicional galega. Ao longo destas décadas, o colectivo consolidouse como unha das formacións de referencia na preservación e difusión do patrimonio musical popular.

Na actualidade, Os Valuros integran gaitas, saxofóns, acordeóns, pandeiretas, percusións e un coro tradicional, ademais de contar con grupos de baile. Coincidindo co seu 25 aniversario publicaron o seu primeiro traballo discográfico, titulado “Valurias”, unha mostra do labor que desenvolven na transmisión das tradicións ás novas xeracións.

Desde o Iescha destacan que esta actuación constitúe unha oportunidade para gozar da riqueza da música tradicional galega e para poñer en valor o traballo das asociacións culturais que contribúen á conservación do patrimonio inmaterial do país.

0.15499186515808