Os veciños de Xermade poden facer na Biblioteca a declaración da renda por videoconferencia

TerraChaXa
O servizo, que require cita previa, xa está en marcha e funcionará ata o 30 de xuño
videoasistencia-renda
7 May 2026

O Concello de Xermade participa nun proxecto que ten a finalidade de facilitar a presentación da declaración do IRPF 2025 mediante un servizo de confección de declaracións por videoasistencia, atendido por persoal especializado da AEAT, co soporte do Concello. As persoas interesadas deberán pedir cita, e na data da mesma acudir á Biblioteca Municipal de Xermade.

A cita pode pedirse nos teléfonos 915 53 00 71 e 901 22 33 44 ou na aplicación web. O servizo xa está en marcha e funcionará ata o 30 de xuño.

O día da cita o contribuínte acudirá ao Concello, que terá un posto preparado con computador con conexión a Internet, altofalante, micrófono e cámara. A videoconferencia desenvolverase a través da plataforma Zoom, polo que debe estar descargada esa aplicación no computador. O persoal do Concello que reciba ao contribuínte debe identificalo e axudarlle para a conexión. Ademais, sempre que dispoña dalgún certificado dixital, previas as xestións oportunas, poderá consultar a listaxe de citas concertadas para cada día, o cal lle permitirá planificar mellor o seu traballo.

0.11520719528198