Outeiro de Rei acolle o Campionato Galego de Kárting e As Pontes o de motos

LugoXa | TerraChaXa
A pasada fin de semana tiveron lugar os adestramentos colectivos e este sábado serán as verificacións administrativas, adestramentos colectivos e as primeiras carreiras
campionatos-galegos-karting-e-velocidade
26 sep 2024

Os días 28 e 29 de setembro celebrarase en Outeiro de Rei a esperada edición do Campionato Galego de Kárting 2024, organizado pola Federación Galega de Automobilismo (FGA). Esta emocionante competencia reunirá pilotos de kárting de toda Galicia, nunha cita que promete adrenalina e velocidade.

O evento contará con diversas categorías, adaptadas a todas as idades e niveis de experiencia como Prerookie, Escola IRT, Rookie, Mini Novel, Mini, Júnior, Sénior, R. Tech +30, KZ e KZ2.

A pasada fin de semana tiveron lugar os adestramentos colectivos e este sábado serán as verificacións administrativas, adestramentos colectivos, carreiras Prerookie e briefing.

O domingo 29 terán lugar os destramentos oficiais, adestramentos cronometrados e carreiras en diversas categorías.

Este evento é unha oportunidade única para gozar da competición automobilística nun ambiente familiar e cheo de emoción. A cita terá lugar no Karting Outeiro de Rei, onde pilotos novos e veteranos demostrarán as súas habilidades na pista.

AS PONTES

As Pontes acollerá durante esta fin de semana unha proba do campionato galego de velocidade de motociclismo, organizada pola escudaría “As Pontes MVR” en colaboración co Concello das Pontes, a Federación Galega de Motociclismo e a Xunta de Galicia, e que se vai celebrar no circuíto de kárting o sábado 28 e domingo 29 de setembro.

Elena López, concelleira de Deportes, durante a presentación desta proba deportiva,  sinalaba a importancia deste evento, xa que se trata da penúltima proba clasificatoria do calendario para o campionato galego de velocidade de 2024.

Inocencio Moirón, presidente da escudaría “As Pontes MVR” debullaba máis polo miúdo as diferentes categorías e horarios desta proba, sinalando que van participar nela máis dunha trintena de pilotos, comezando polos máis cativos, entre os 6 e os 11 anos, que competirán nas categorías de minivelocidade mentres que os pilotos de máis idade competirán nas categorías SBK, scooters e clásicas.

A competición comezará o sábado 28, cunha xornada de adestramentos libres dende as 10 da mañá ata as 5 da tarde; e rematará cos primeiros adestramentos cronometrados da proba.
O domingo 29 de setembro a actividade comeza ás 9 da mañá cun breefing para os pilotos participantes, e a continuación terá lugar o segundo adestramento cronometrado. Unha vez rematado, celebraranse dúas carreiras por categoría, rematando a actividade ao redor das 2 da tarde coa entrega de premios.

Inocencio Moirón aproveitou para agradecerlle ao Concello das Pontes o apoio que brinda á escudaría cada vez que organizan este tipo de probas.

A concelleira de deportes Elena López concluía este acto de presentación agradecéndolle á escudaría As Pontes MVR o seu traballo, e convidaba á veciñanza a chegarse ao circuíto de karts para gozar do espectáculo da velocidade sobre dúas rodas.

0.18332099914551