Outeiro de Rei celebrará o seu Mercado de Nadal o 12 de decembro no pavillón do Laverde Ruíz

LugoXa | TerraChaXa
O Concello abre o prazo de inscrición para os expositores, que poderán ofrecer produtos de artesanía, alimentación, decoración, bixutería, agasallos e artigos de segunda man
cea-nadal-recurso
12 Nov 2026

O Concello de Outeiro de Rei organizará o vindeiro sábado 12 de decembro unha nova edición do Mercado de Nadal, unha iniciativa destinada a reunir diferentes postos de venda de produtos e artigos relacionados coas festas e co comercio local.

A cita desenvolverase no pavillón do Colexio Público Laverde Ruíz, en horario de 12.00 a 19.30 horas. O mercado ofrecerá un espazo para a comercialización de produtos de decoración, bixutería, alimentación, artesanía, agasallos, complementos e artigos de segunda man, entre outros.

Con motivo da celebración, o Concello xa abriu o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar un posto. A participación será totalmente gratuíta, aínda que será imprescindible realizar a inscrición previa e presentar a documentación correspondente.

As solicitudes poderán tramitarse presencialmente nas oficinas municipais do Concello de Outeiro de Rei, de luns a venres, entre as 9.00 e as 15.00 horas, ou ben a través do correo electrónico xuventude@concellodeouteiroderei.org, ao que se deberá enviar toda a documentación requirida.

O prazo para inscribirse como expositor permanecerá aberto desde o 5 de novembro ata o 2 de decembro de 2026. As bases de participación e o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina web municipal, www.outeiroderei.gal.

0.17502808570862