Outeiro de Rei conmemora o 25N cunha andaina popular e actividades de sensibilización contra a violencia machista

LugoXa | TerraChaXa
A campaña deste ano leva por lema «O respecto é a base de calquera relación» e inclúe unha charla da Garda Civil, a lectura dun manifesto institucional e o reparto de bolsas reutilizables
andaina-violencia-de-xenero-outeiro-de-rei
16 Nov 2026

O Concello de Outeiro de Rei prepara un programa de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, co obxectivo de sensibilizar e concienciar á veciñanza sobre a importancia de previr e erradicar todas as formas de violencia de xénero. A campaña deste ano desenvolverase baixo o lema «O respecto é a base de calquera relación».

Unha das principais propostas será unha andaina popular contra a violencia de xénero, que terá lugar o domingo 22 de novembro pola parroquia de Taboi. A saída está prevista para as 11.00 horas desde o campo da festa, situado nas proximidades da igrexa parroquial, e a actividade está aberta á participación de todas as persoas que queiran sumarse a esta iniciativa.

O percorrido, duns cinco quilómetros, combinará espazos naturais e elementos do patrimonio cultural da parroquia. Ao remate, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Mª José Martínez Vigo, dará lectura ao manifesto institucional do Concello con motivo desta conmemoración.

A programación incluirá tamén unha charla sobre «Prevención, detección e pautas de actuación en casos de violencia de xénero», que se celebrará o mércores 25 de novembro, de 16.30 a 18.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura. A sesión será impartida por un formador do Plan Director da Garda Civil e por unha especialista en violencia de xénero do sistema VIOGEM, ambos os dous profesionais da Comandancia da Garda Civil de Lugo. A actividade estará aberta a todas as persoas interesadas.

A campaña completarase coa emisión de cuñas de radio en distintas emisoras a partir do día 21 e coa publicación de anuncios en varios medios de comunicación o propio 25 de novembro.

Ademais, o Concello repartirá gratuitamente bolsas reutilizables conmemorativas co lema desta edición. Poderán solicitarse nas oficinas municipais a partir do mércores 25 de novembro e ata esgotar existencias. Tamén estarán dispoñibles na Casa da Cultura e no Centro de Saúde. Nesta distribución colaboran varios establecementos comerciais do municipio, como o Supermercado Peteira, as farmacias Fernando Penas e Marta Puente e Cortizas, e a Panadería Ousá.

As bolsas chegarán igualmente ás familias a través dos nenos e nenas usuarios da Escola Infantil Municipal e do servizo de Conciliación Familiar, así como das distintas actividades incluídas na campaña.

Estas iniciativas están financiadas polo Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e polo propio Concello de Outeiro de Rei.

0.1530179977417