Outeiro de Rei convida a vivir unha noite única co eclipse total de Sol e as Bágoas de San Lourenzo

LugoXa | TerraChaXa
O Concello colaborará co GDR-4 nunha xornada gratuíta o 12 de agosto que combinará a observación de dous dos fenómenos astronómicos máis espectaculares do ano
perseidas
7 Aug 2026

Outeiro de Rei converterase o vindeiro mércores 12 de agosto nun dos escenarios privilexiados para seguir dous dos acontecementos astronómicos máis agardados do verán. A Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo (GDR-4), en colaboración co Concello, organiza unha xornada especial que permitirá observar o eclipse total de Sol e, xa entrada a noite, a chuvia de estrelas das Perseidas, coñecidas popularmente como as Bágoas de San Lourenzo.

A actividade comezará ás 19.00 horas en Casas da Fortaleza, punto de encontro desde o que se realizará a observación do eclipse. Co fin de garantir que o fenómeno poida seguirse con todas as garantías de seguridade, o Concello entregará de balde gafas homologadas ás persoas asistentes.

A programación continuará ás 22.30 horas cun novo encontro en Casas da Fortaleza para desprazarse posteriormente ata o espazo natural de Penas de Rodas, un enclave especialmente axeitado para contemplar o ceo nocturno debido ás súas condicións de visibilidade. Desde este punto, os participantes poderán gozar da observación das Perseidas, unha das chuvias de meteoros máis populares do ano, que alcanza o seu máximo de actividade durante estas datas.

A participación é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas e require inscrición previa. As persoas interesadas poden reservar a súa praza chamando ao teléfono 982 23 80 00 ou enviando un correo electrónico a info@comarcadelugo.gal.

0.12381410598755