Outeiro de Rei inicia hoxe o Torneo de Fútbol de Veteranos, para maiores de 30 anos

O Campo Municipal de Outeiro de Rei será durante esta fin de semana o escenario do Torneo de Veteranos de Fútbol 11, unha cita deportiva que reunirá desde hoxe e ata o vindeiro domingo a xogadores maiores de 30 anos co obxectivo de gozar da competición e manter viva a súa paixón polo fútbol.
A competición desenvolverase durante os días 28, 29 e 30 de agosto e contará coa participación de equipos formados por xogadores non federados e vinculados ao fútbol rexional.
O torneo nace cun marcado carácter deportivo e de convivencia, ofrecendo aos participantes a posibilidade de volver competir, reencontrarse con antigos compañeiros e gozar do fútbol nun ambiente distendido.
Ao longo das tres xornadas disputaranse os diferentes encontros que determinarán os equipos clasificados para as fases finais. A competición culminará o domingo coa disputa dos últimos partidos e a entrega de premios aos conxuntos mellor clasificados.
No apartado de recoñecementos, o equipo campión recibirá un xamón, unha caixa de chourizos e un trofeo. O segundo clasificado será premiado cun xamón, botellas de viño e un trofeo, mentres que o terceiro posto recibirá un xamón e un trofeo.
Tamén estará dispoñible, para repoñer forzas, empanada, churrasco, chourizos e unha bebida por 15 €.
Máis alá dos resultados deportivos, o torneo pretende converterse nun punto de encontro para xogadores e afeccionados.