Outeiro de Rei organizará unha andaina solidaria para promover a doazón de medula e sangue

O Concello de Outeiro de Rei celebrará o xoves 18 de xuño unha andaina solidaria co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a importancia da doazón de medula ósea e sangue, así como de promover a práctica de exercicio físico como ferramenta de prevención do cancro e mellora da saúde.
A programación da xornada arrancará ás 10.00 horas cun taller sobre doazón de medula dirixido ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura. A actividade estará impartida por Esperanza Lavilla, xefa do Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Media hora despois, ás 10.30 horas, abrirase na Praza da Vila o punto de recollida de camisetas solidarias. Posteriormente, ás 11.30 horas, o goberno municipal realizará diante do Concello a declaración institucional do Día da Doazón de Medula e Sangue.
A andaina dará comezo ás 12.00 horas desde diante da casa consistorial. O percorrido será unha ruta circular de cinco quilómetros e dificultade baixa, pensada para facilitar a participación de persoas de todas as idades.
O Concello informou de que a recadación obtida coa venda das camisetas solidarias destinarase á Asociación Española Contra o Cancro en Lugo.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou chamando ao teléfono 982 39 34 08, en horario de 10.00 a 14.30 horas, ata o vindeiro 12 de xuño.