Outeiro de Rei rendeu unha homenaxe ás súas mulleres nun vídeo

TerraChaXa | LugoXa
Outeiro de Rei acolleu a presentación do vídeo Mulleres que inspiran, as que abriron o camiño.
presentacion video mulleres outeiro de rei
presentacion video mulleres outeiro de rei
11 mar 2023

Outeiro de Rei acolleu a presentación do vídeo Mulleres que inspiran, as que abriron o camiño. Trátase dun vídeo realizado pola empresa BuleBule co que o Concello de Outeiro de Rei quixo dar un merecido recoñecemento ás mulleres maiores do  municipio a través de oito protagonistas, todas elas maiores de oitenta anos.

Oito mulleres loitadoras, traballadoras, inspiradoras doutras moitas mulleres; mulleres que nun contexto social moi diferente ao actual, con moitas máis dificultades, co seu labor, moitas veces invisible pola falta de recoñecemento social, abriron camiño para que as mulleres das xeracións seguintes o tivesen máis doado. Mulleres que loitaron por sacar traballo e familia adiante, mulleres que perseguiron que os seus fillos e fillas tivesen unha vida mellor…

O acto contou coa presenza do alcalde, José Pardo Lombao, a concelleira de Deportes, Pilar Méndez Lombao (en substitución de Mª José Martínez Vigo que non puido asistir por un tema de saúde), de Irene Modia, en representación da empresa BuleBule e de sete das protagonistas que participaron de forma desinteresada nesta iniciativa e que recibiron o agradecemento polo seu traballo de autoridades e público presente.

As protagonistas do vídeo son:

  • Mª Adoración Fernández, de 98 anos de idade, agricultora e ama de casa da parroquia de San Lourenzo.
  • María Parga Loureiro, de 97 anos, agricultora e ama de casa da parroquia de Candai.
  • Manuela López Candal, de 86 anos, agricultora e ama de casa da parroquia de Santa Mariña.
  • Dolores Mouriz Arias, de 86 anos, agricultora e ama de casa da parroquia de Guillar.
  • Manuela Núñez López, de 86 anos, tecelá da parroquia de Robra.
  • Mª Concepción Piñeiro Rubinos, de 86 anos, agricultora e ama de casa da parroquia de Vicinte.
  • Luisa Rodríguez Castro, de 85 anos, agricultora e ama de casa da parroquia de Silvarrei.
  • Celia López Montes, de 81 anos, xubilada dun negocio de mercería e zapataría na parroquia de Outeiro de Rei.

O vídeo achega a través destas oito mulleres á  realidade social dunha época moi próxima á actual pero na que as condicións de vida eran moi diferentes. Lembrar por exemplo que as mulleres en España exerceron por primeira vez o seu dereito ao voto en novembro do ano 1933,  despois no ano 1936 e as seguintes eleccións democráticas nas que puidieron participar foron as eleccións xerais de 1977; por outro lado, ata a aprobación da Constitución Española de 1978, a muller era completamente dependente do home (pai ou esposo) para facer múltiples xestións como abrir unha conta do banco, facerse o DNI ou administrar os bens comúns. En 1978 a muller pode sacar en España o carné de conducir sen licenza marital. Todas elas viviron esas limitacións e falan tamén dos cambios e logros que se foron producindo.

Conscientes  de que aínda queda un camiño por percorrer na procura da igualdade real e de oportunidades (violencia de xénero, brecha salarial, acceso a postos de relevancia, repartición de tarefas no ámbito doméstico…), onte foi un día de reivindicación e recoñecemento do papel fundamental que as mulleres desempeñan na estabilidade e o desenvolvemento do mundo rural e de recoñecemento, aínda moito máis, do papel desenvolto polas mulleres que nos precederon exemplarizado nas protagonistas do vídeo.