Outeiro de Rei retoma en xullo o programa Domingos á Praia con saídas semanais

O Concello de Outeiro de Rei volverá poñer en marcha este verán a actividade Domingos á Praia, unha proposta destinada a facilitar o acceso da veciñanza ás zonas costeiras durante os meses estivais. O programa desenvolverase todos os domingos entre o 12 de xullo e o 30 de agosto.
Para participar será necesario estar empadroado no municipio e formalizar a inscrición durante a semana anterior a cada unha das viaxes. As persoas interesadas deberán facilitar o DNI, o enderezo e un número de teléfono de contacto, ademais de aboar unha cota de 5 euros por persoa.
As saídas realizaranse ás 10.00 horas desde a Praza do Concello, mentres que o regreso desde a praia está previsto para as 19.30 horas.
O programa contempla ir a San Ciprián o 12 de xullo, a Foz o 19 de xullo, a Riazor e o 26 a Riazor. En agosto comezarían o 2 cunha viaxe a Viveiro, o 9 visitando Miño, o 16 Cabanas, o 23 Foz e o 30 Reinante.
Con esta iniciativa, o Concello busca ofrecer unha alternativa de lecer durante o verán e facilitar que a cidadanía poida gozar dunha xornada de praia de forma cómoda e accesible.