Outeiro de Rei vivirá unha fin de semana completa coas patronais, a festa dos maiores e a Feira de Artesanía

LugoXa | TerraChaXa
A programación dará comezo o venres ás 13.30 horas coa celebración dunha misa solemne diante da Capela de Santa Isabel
festa-outeiro-de-rei
1 Jul 2026

Outeiro de Rei vivirá unha intensa fin de semana con varias celebracións simultáneas. Haberá unha nova edición das súas tradicionais festas patronais na honra de San Xoán e Santa Isabel, cun completo programa de actos relixiosos, culturais e musicais pensado para todos os públicos e organizado pola Asociación de Veciños Santa Isabel, coa colaboración do Concello de Outeiro de Rei.

A programación arrancará o venres coa xa tradicional Festa da Terceira Idade, organizada polo Concello de Outeiro de Rei no Campo de Santa Isabel e amenizada polo Dúo Estrellas.

A programación dará comezo ás 13.30 horas coa celebración dunha misa solemne diante da Capela de Santa Isabel. A continuación, os asistentes gozarán dun xantar de confraternidade na carballeira, seguido da actuación musical, que porá o broche festivo á xornada.

Con esta iniciativa, o Concello de Outeiro de Rei reafirma o seu compromiso co benestar e a participación activa das persoas maiores, promovendo un espazo de encontro, convivencia e recoñecemento ao importante papel que desempeñan na vida do municipio.

Pola noite, a partir das 22.30 horas, a verbena trasladarase á Praza do Concello coa actuación das orquestras Punto Clave e Acordes, que abrirán catro intensas xornadas de celebración.

O sábado 4 de xullo estará marcado pola celebración da XVIII Feira da Artesanía, promovida polo Concello de Outeiro de Rei. A inauguración terá lugar ás 12.00 horas, seguida da actuación da Banda Municipal de Música Sons e Soños ás 13.00 horas, diante da Casa Consistorial.

Esta contará con numerosas actividades e preto de cen postos repartidos por toda a localidade. Tamén contempla, entre outras actividades concertos, paseos en kaiak, obradoiros, concentración de vehículos clásicos e a andaina solidaria.

Xa pola noite, a verbena contará coa actuación da cantante Tania Veiras e da orquestra Royal Espectáculo, rematando a xornada cunha sesión de fogos artificiais ás 00.00 horas.

O domingo 5 de xullo, comezará coa misa solemne ás 13.00 horas na igrexa de San Xoán, seguida da tradicional procesión e dunha sesión vermú na Praza do Concello coa orquestra Fuego. Pola tarde, ás 18.00 horas, os máis pequenos poderán desfrutar de inchables gratuítos para os nenos e nenas de Outeiro de Rei (con prezo reducido para o resto dos asistentes). A mesma orquestra volverá actuar ás 20.00 horas, poñendo música á tarde festiva.

As celebracións concluirán o luns 6 de xullo, día dedicado a Santa Isabel, coa misa solemne e procesión ás 13.00 horas. Como peche das festas, celebrarase unha sesión vermú entre as 14.00 e as 16.00 horas na Praza do Concello, amenizada polo Trío Rosel.

0.073358058929443