Outra perda sensible
Por Pablo Veiga
O pasado mes de San Xoán, unha triste nova sacudía o panorama literario galego, cando coñecíamos o pasamento do escritor Xabier Puente Docampo, ó que derrotou esa maldita enfermidade que provoca calafríos con só citala, a pesares de non deixar de loitar contra ela durante algo máis de dous anos.
Un servidor lembra a este home nun curso de animación á lectura xa hai máis dunha década. Coa súa voz tan característica e ese sorriso pícaro, transmitía ó auditorio a súa paixón pola arte de ler e de escribir, así como o firme compromiso polo idioma.
Xabier P. Docampo, como así era recoñecido, nacera en Rábade en 1946. Formaba parte dese grupo de ilustres chairegos –Manuel María, Xosé Chao Rego, Trapero Pardo, o crego Xosé Manuel Carballo e outros máis- que deixaron unha fonda pegada, tanto polas súas respectivas creacións como polas súas traxectorias vitais. Don Xabier publicou numerosos títulos, moitos dos cales eran dirixidos ó público máis novo, de aí que varias xeracións se iniciasen na literatura galega lendo algún dos seus libros. Non foi casualidade a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola obra “Cando petan na porta pola noite”, que se traudiría ó castelán, ó igual que varios dos seus libros. Este conxunto de relatos de medo foron recollidos polo autor escoitando de neno aquelas historias que lle narraban pais, avós e outros familiares en plena Terra Chá. Unha tradición oral da cal se embaucou e que el mesmo defendía como correa de transmisión da lingua e costumes galegos. Foron contos que aprendeu na infancia e que retería na súa idade adulta, tendo unha innata capacidade para plasmalos nas súas obras. Docampo manifestaba que se fixera escritor porque tiña memoria de si mesmo e dos seus, afirmando que a lingua e a infancia son as dúas patrias do ser humano. Así, aínda que parte boa parte da súa vida se desenvolvera no entorno da cidade da Coruña, xamais esquecía as súas orixes, visitando de forma habitual o seu Rábade natal para dar unha volta a carón do Miño ou degustando unhas racións de polbo na feira que se celebra na vila bimensualmente.
O seu currículum é amplo, xa que non se cinguiu á súa faceta de escritor, senón que tamén destacou como actor e guionista, ademáis claro está da súa recoñecida e valorada función como docente, encadrado na denominada Nova Escola Galega. Todo elo será razón suficente para que, dentro duns anos, o día das letras galegas o teña como homenaxeado.
O falecemento de Xabier P. Docampo significa unha perda sensible, xa que formaba parte dos imprescindibles, dos bos e xenerosos. Abofé que “A nena do abrigo de astracán” non había de ser a súa derradeira novela. Quedábanlle por diante moitas liñas que escribir, facendo boa a frase que adoitaba dicir “O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”.
Botaráselle moito de menos a este referente da lingua e cultura galegas. Que a Terra lle sexa leve.