OVICA fai públicas as súas demandas á Xunta de Galicia
A Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (OVICA), constituída no ano 1994, única asociación que representa a todo o sector en Galicia con preto de 200 asociados/as e 30.000 animais censados nas súas ganderías repartidas entre A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, ven de publicar unha serie de demandas cara á Xunta de Galicia.
Na primeira delas solicita un plan estratéxico para todo o sector que debe incluir varios piares fundamentais. Nun primeiro momento insisten sobre o alto prezo dos matadoiros, "non podemos asumir custes que oscilan entre os 10 e 30 euros por cordeiro ou cabrito e sen contar o despiece e envasado en baleiro. Esta situación favorece que moitos gandeiros pequenos que non están na Asociación, sobre todo os menos profesionalizados, realicen o sacrificio na propia granxa sen ningún tipo de control sanitario".
Ademais indica que a Consellería de Medio Rural debe poñer en marcha sistemas de matadoiros móbiles, que permitirían abaratar o custo da comercialización da carne, lastrada na actualidade polos gastos de transporte e sacrificio en matadoiros. Estes modelos de sacrificio xa están implantados en outras comunidades como Cataluña, e países como Alemania, Suecia ou Noruega. Tamén afirman ser patidarios de que se modifique o decreto ministerial sobre sacrificio e comercialización directa nas granxas para flexibilizar a instalación de salas de despiece compartidas entre varios gandeiros e regular o sacrificio domiciliario coa xestión e control sobre os diferentes puntos críticos nas fases de faenado, sangrado e tratamento dos materiais de risco. Estes sistemas xa están contemplados noutros países como Francia ou Dinamarca.
"As tres medidas mencionadas foron trasladadas en reunións na Direción Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias, en maio do ano 2017 e xaneiro do ano 2018, mantendo unha postura inmobilista, que non garante ningún compromiso de execución. Esta falta de apoio real ao sector a tódolos niveis está detrás da constante redución de número de animais reprodutores ano a ano", explican.
Por outra banda piden a implantación dun programa específico de apoio ao pastoralismo extensivo con gando ovino e cabrún e como método de prevención dos lumes forestais.
"A elevada acumulación de biomasa nos nosos montes por unha insuficiente política de limpeza e de prevención, unida a unas condicións prolongadas de seca e a unha climatoloxía especialmente adversa en canto a temperatura, humidade e vento, poden desencadenar fenómenos catastróficos como os sufridos o ano pasado en Galicia e Portugal. Éstos quedarían mitigados considerablemente se se executaran políticas reais de limpeza con brigadas antilumes naturais de cabras e ovellas, que permiten ter desbrozado o monte durante todo o ano, xa que as especies leñosas e herbáceas son a base da súa excelente alimentación: como a silva, o toxo, a xesta, a folgueira, a carqueixa, o fento, etc…", explican.
Poñen como exemplo o coñecido como “Ovella Bombeira”, posto en marcha polo governo de Castela- A Mancha en 2017 e que está dotado con máis de 50 millóns de euros. Esta iniciativa permite costear con 123 euros por hectárea xestionada con labores de pastoreo extensivo que os pequenos ruminantes realizan sobre a vexetación herbácea e leñosa non desexada, o que contribúe á prevención dos lumes forestais.
Con preto de 100 gandeiros en toda a Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha son capaces de actuar sobre 6.600 hectáreas, alimentándose do combustible vexetal, que no caso dun lume forestal reduce considerablemente a posibilidade de propagación do mesmo e a actuación das brigadas sen que a extinción supoña un perigo tan grande para os operarios, ao verse mermada considerablemente a cantidade de biomasa presente no monte.
Explican tamén que investigacións e estudos científicos como os realizados pola doutora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, Dª. Rosa Mosquera conclúen que limpar e alimentar o monte con gando en base a pastoreo é dez veces máis barato que rozar ese monte con medios mecánicos: non fai falta decir moito máis.
Outra das medidas que solicitan é a inclusión de elementos de protección desta figura de mantemento e xestión territorial na PAC (Política Agraria Común) no novo PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) 2021-2025.
"Débese executar dende xa a presente campaña a recente publicada Lei Ómnibus, na que a Comisión Europea recoñece a singularidade deste aproveitamento con pastoreo, e suprime a obriga da consolidación herbácea, reducíndoo únicamente á consolidación do pastoreo sobre esa superficie, vindo a dar a razón das nosas propostas anteriores do 2015, para protexer e defender os aproveitamentos silvopastorís a través do coeficiente de admisibilidade (CAP)", din.
"En outubro de 2015 a Xunta de Galicia aplicou de xeito unilateral unha quita sobre a xustificación da admisibilidade dos pastos arbustivos (PR) e pastos sobre arboredo (PA) que afectou ao 85% de todo o territorio galego, de modo que unha gran parte da superficie que xestionaban os nosos gandeiros de ovino e caprino pasou a ter un coeficiente de admisibilidade (CAP) igual a cero", engaden.
"É indispensable ademais recuperar o programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Man Común, que estivo operativo entre o ano 1984 e o 2015, e que contribuiu ao desenvolvemento rural nas zonas nas que implantaron, dun xeito estable e duradeiro. Aínda que no actual Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) está contemplado, na práctica non se executou ningún proxecto, máis aló dunha actuación puntual nos montes de Lucenza en Cualedro, para o aproveitamento con gando vacún", din.
Os representantes de OVICO falan tamén no seu escrito da necesidade de comunicación do motivo das denegacións da axuda acoplada por produción de ovino das campañas 2015, 2016, e 2017 e a axuda acoplada por produción de caprino das campañas 2015, 2016 e 2017.
Dende OVICA solicitan que se realice a comunicación oficial, para que os gandeiros que non percibiron a axuda e teñen dereito a ela, poidan reclamar e cobrar polo que teñen dereito.
Por outra banda, piden a creación dunha Escola de Pastores/as en Galicia, que regule a formación e capacite as aptitudes para o futuro desenvolvemento das actividades dos nosos/as gandeiros/as de ovino e cabrún, como xa dispoñen en outras comunidades autónomas como Extremadura, Aragón ou recentemente na Comunidade Valenciana.
"Nos últimos 3 anos déronse de alta en OVICA, 65 novos gandeiros/as, nalgúns casos motivados polo relevo xeracional ao fronte da granxa familiar, pero na maioría dos casos trátase de xente moza que procede do ámbito urbano das cidades e de outros sectores produtivos, que desexa emprender un novo modelo de vida no rural", din.
"A Xunta oferta polo de agora nos dous primeiros anos, só 5 dos 8 módulos no formato de teleformación, esixidos na Orde de axudas, e varios afectados nos indican que se está a producir un “efecto embudo” que pode ocasionar a perda e devolución da axuda senón se cumpren cos requisitos marcados na mesma de acreditación da formación aos 36 meses desde a súa incorporación", engaden.
Esta situación ademáis conleva que mentres non teñan a acreditación da formación homologada, tampouco se lles conceda dende o Servizo de Explotacións Agropecuarias dependente da Consellería de Medio Rural a condición de explotación prioritaria, polo que deixan de percibir a axuda do segundo piar da PAC destinada ás zonas con limitacións naturais a pesar de ser un colectivo especialmente vulnerable.
Así mesmo demandan que se cumpra a promesa "incumprida pola propia Conselleira de Medio Rural", que asegurou o pasado 26 de febreiro, que os gandeiros que así o solicitasen poderían establecer o pastoreo nas zonas queimadas pola devastadora vaga de lumes de outono de 2017, que unida ás extremas condicións de seca deixou sen posibilidade de alimento a moitas ganderías espalladas por todo o territorio.
"Solicitamos a supresión da prohibición de pastoreo nos terreos queimados nos dous anos sucesivos ao lume cando se produce por causas alleas ao propio gandeiro e tendo en conta as excepcionais condicións de seca con escasez de alimento para o gando e a posibilidade de declarar esa superficie na PAC sempre que se continúe a traballar e manter, precisamente para evitar o seu abandono e evitar que o gandeiro se vexa dobremente dannificado", din.
Din que a día de hoxe non se chegou a regular e darlle traslado normativo ou lexislativo a esta promesa do mes de febreiro. "Non coñecemos a ningún gandeiro dentro dos nosos asociados que se lle comunicara formalmente a autorización para poder pastorear sobre esa superficie queimada", engaden.
Solicitan tamén unha modificación nos procedementos administrativos da Xunta de Galicia, para aliviar a excesiva burocratización actual e que está conlevando que moitos dos peticionarios renuncien ás axudas e subvencións pola dificultade de xustificación nos prazos establecidos.
Algúns exemplos son: a axuda extraordinaria polos danos dos lumes de outono de 2017, a axuda extraordinaria para paliar as estremas condicións de seca do 2017 e subministro de auga ás ganderías, e as axudas para os investimentos nas explotacións (incorporacións e plans de mellora), convocatoria con carácter recurrente e anual de fondos FEADER da Unión Europea nas que establecen uns prazos moi restrictivos para contar coas licencias adminsitrativas pertinentes (Concello, Confederación Hifrográfica, Augas de Galicia, Patrimonio, Medio Ambiente, etc…) debido ao reducido marxe de tempo dende que se convocan en marzo-abril e ata mediados de setembro en que se debe contar con toda a documentación lista.
Demandan tamén á Xunta a oferta formativa de cursos para aprender a manexar as ferramentas informáticas como a propia Oficina Agraria Virtual ou a plataforma telemática da sede electrónica "e non se está a ofertar máis que un par deles anuais para toda Galicia, o cal é manifestamente insuficiente. Ademais, en moitas zonas carécese da suficiente cobertura de datos nas redes de comunicación, para poder establecer unha mínima conexión a internet e os gandeiros teñen que desprazarse igualmente ata finalmente rematan por acudir ás oficinas agrarias comarcais (OACs), cada vez dotadas de menos persoal", din.
Seguen coa demanda da convocatoria dun curso anual específico para a capacitación de esquiladores profesionais de ovellas, mediante a emisión dun título homologado e carnet profesional que o regule.
"Con esta medida poderemos erradicar o intrusismo que atopamos ano tras ano coas cuadrillas de traballadores ilegais, sen a formación necesaria e sen estar dados de alta na seguridade social", afirman.
Tamén se considerou convinte a vinculación do cobro de certas axudas en ovino á posesión do certificado de trazabilidade de recollida da lá como subproduto de categoría III, a fin de reducir ese intrusismo e ir profesionalizando as campañas de esquilado da rapa en Galicia. Dende a Subdireción Xeral de Gandería tomaron nota, pero non se plasmou en ningunha ación: seguimos agardando.
Tamén foi rexeitada a proposición de fomentar un proxecto de desenvolvemento rural para a recuperación de obradores tradicionais para o fiado da lá e a creación dun módulo formativo de recuperación desta labor tradicional, moi vencellada ao rural do noso país: a proposta non encaixa en ningunha liña das abertas pola Consellería de Medio Rural.
Contináun afirmando que a situación actual en relación cos ataques de lobo en explotacións de ovino e cabrún é crítica. "Non rematamos de entender como a pesar desta elevada incidencia, a Consellería de Medio Ambiente decidiu unilateralmente NON convocar as axudas para instalacións de métodos preventivos neste 2018, ademais tendo en conta que no 2017 non se chegou a cubrir un terzo das peticións dos solicitantes", din.
Consideran imprencindible blindar esta liña de axudas e incindir na necesidade de implentar os métodos preventivos nas ganderías. "É sangrante a pouca sensibilidade que os nosos xestores e parte da sociedade ten en relación ao lobo", explican.
"É a primeira vez que constatamos o peche de ganderías de ovino e cabrún, motivado por contínuos ataques recorrentes de mandadas de lobos en zonas tan diversas como Becerreá, Cotobade, Guitiriz, Muras, O Irixo e Vilasantar. Os datos recopilados polos nosos técnicos confirman que os ataques de lobo provocaron o peche dun 7 % do total de gandarías de ovino e cabrún existentes na asociación, e o atraso no pago das axudas paliativas polos ataques de lobo e a mala xestión administrativa na orde de axudas preventivas aínda agudiza aínda máis esta situación", engaden.
Os datos oficiais proporcionados dende a Consellería de Medio Ambiente así o explican: no ano 2014, as camadas de lobos censadas en Galicia mataron 1.466 cabezas de gando, cifra que se incrementou ata 2.379 no 2017 (segundo a Direción Xeral de Patrimonio Natural). Polo tanto, o incremento nestes 3 últimos anos é do 62 %.
"No 2017, os lobos mataron 1.288 ovellas, 242 cabras, 593 vacas e 256 cabalos, cun total de 968 solicitudes de indemnizacións cursadas. A inmensa maioría dos gandeiros queremos a coexistencia pacífica co lobo, de feito por ese motivo pelexamos para a constitución do grupo O-Xan (Grupo de Opinión a Xestión do Lobo en Galicia) e somos membros fundadores do mesmo, onde estamos representados todos os axentes implicados: gandeiros (Acruga, Asoporcel, Ovica, Puraga), conservacionistas (Asociación da Custodia do territorio de Galicia), cazadores (Asociación de caza maior, Unitega), investigadores (CIAM Mabegondo e Marco da Curra, Sociedade Galega de Pastos e Forraxes), sindicatos agrarios (SLG e UUAA), biólogos (Arena SL), etc…", afirman.
Curiosamente a única parte que rexeitou participar e aportar ideas e solucións ao conflito é a propia Consellería de Medio Ambiente, que ademais é a responsable última da xestión do lobo e da fauna silvestre en Galicia. Polo que sempre nos vemos obrigados a solicitar unha reunión coa Directora Xeral de Patrimonio Natural para trasladarlle ás demanadas de todos os colectivos implicados, aprobadas previamente por maioría nas reunións realizadas.
"O sistema de pago das axudas paliativas debería ser máis áxil, e non ir máis aló dos 3 meses dende a data en que se produciu o daño. E tampouco debe esixirse ao gandeiro voltar a presentar a solicitude novamente cando non chega o orzamento da presente orde de axudas e dende a Consellería de Medio Ambiente te obrigan a voltar a presentar toda a documentación coa solicitude novamente para vinculalo ao novo orzamento da seguinte orde de axudas, cando debería ser executado directamente pola propia administración. O que está ocasionando é que na maioría dos candos, cando se producen mortes de menos de 3 ovellas ou cabras (que son a maioría) optemos por non solicitar a axuda, xa que os custes asociacidos e o tempo propio para a súa tramitación non compensa o futuro pago retrasado.
Outra desgracia para a nosa actividade, son os danos que ocasionan os xabaríns nas nosas parcelas agrarias, fundamentalmente en pastizais e pradeiras renovadas ou implantadas por primeira vez. Nalgunhas zonas como o Sur de Lugo (Sober, Ferreira de Pantón, Quiroga, Monforte de Lemos) converteuse nunha utopía poder sacar adiante unha consolidación de zona de pasto sen que o xabaril che levante todo, coa considerable perda económica que che ocasiona", avanzan.
Finalmente insisten na necesidade da posta en marcha dun plan de Xestión do xabaril e abrir unha liña de axudas polos danos ocasionados ante os numerosos ataques da especie en diferentes cultivos. "Constátase unha explosión demográfica da especie que busca comida e refuxio. O abandono do monte, a superficie monoforestal e cultivos forraxeiros propician o refuxio idóneo e comida para o xabaril", din.
Afirman que hoxe en día en Galicia, xa só quedan 229.000 cabezas de gando ovino e cabrún repartidas entre 21.709 explotacións gandeiras, das cales únicamente 76 ganderías teñen máis de 250 animais.
"Esta regresión no número de gandeiros e gandeiras é consecuencia directa da aplicación deste tipo de políticas, que penalizan a gandería extensiva en Galicia", conclúen .