Pablo Díaz denuncia a falta de auga que sofren desde hai meses catro vivendas da Arca, Abadín

TerraChaXa
O voceiro do PSdeG critica a falta de resposta do PP "ante unha situación que afecta á vida cotiá das familias e ao coidado do gando"
a-arca-abadin
21 Oct 2026

O voceiro do PSdeG de Abadín, Pablo Díaz, denuncia que catro vivendas do lugar da Arca, na parroquia de Montouto, levan meses sen subministración de auga sen que o goberno municipal do PP dea unha resposta efectiva. “É unha situación inadmisible que afecta directamente á vida cotiá das familias e ao coidado do seu gando”, advirte o voceiro socialista, que esixe a Rancaño que actúe de inmediato para garantir o abastecemento.

Díaz explica que a veciñanza se ve obrigada a transportar auga polos seus propios medios, coas dificultades que supón carecer dunha subministración regular durante tanto tempo. “Non é aceptable que leven meses soportando esta situación sen unha solución”, advirte.

O voceiro socialista traslada o sentimento de abandono das persoas afectadas, que seguen sen saber canto tempo máis terán que continuar nestas condicións, e responsabiliza ao executivo de Rancaño da falta dunha resposta efectiva ante unha necesidade básica.

O PSdeG reclama ao Concello que adopte as medidas necesarias para garantir de inmediato unha subministración provisional, mediante un camión cisterna ou calquera outra alternativa que permita atender as necesidades das vivendas afectadas e do gando. Esta resposta, sinala Díaz, debe manterse ata que se restableza o servizo con garantías.

“Non caben máis esperas. Garantir unha necesidade tan básica debe ser unha prioridade para o goberno municipal. Esiximos ao alcalde que asuma a súa responsabilidade e poña os medios necesarios para garantir o abastecemento de inmediato. Os veciños e veciñas da Arca non poden seguir agardando sen saber cando van recuperar o servizo”, conclúe.

0.16268515586853